Vivimos nun mundo dominado por forzas incapaces xa, se é que algunha vez o foron, de aportar unha vida digna a todos os habitantes do planeta, garantindo os dereitos básicos de existencia que nos permitan vivir con dignidade e liberdade. Un mundo onde se nos di que non hai máis alternativa que a perda de dereitos adquiridos tras longas loitas ou a renuncia a sequera gozalos. Chegamos a un mundo no que o triunfo se asimilou á perda de valores esenciais da humanidade, como a solidariedade e o apoio mutuo. É máis, todo aquilo que non fomente a competitividade, o egoísmo e a avaricia é presentado como disfuncional. Unha ideoloxía inmoral que se ve reforzada pola hexemonía cultural dos grandes medios de comunicación, auténticos instrumentos para crear o consenso necesario ao redor deste sistema inxusto e insolidario. Pero non quedamos caladas. Espertamos as nosas conciencias e estas sumáronse a unha onda de conciencia colectiva que está iluminando o planeta dunha punta a outra. Dende Túnez á Praza Tahrir, dende Madrid a Reijkiavik, dende Nova York a Bruxelas, os pobos do mundo alzáronse, na Primavera Árabe, na dignidade islandesa, na indignación do 15M ou a Ocupación de Wall Street. Todas unidas denunciamos o estado actual do mundo. O noso esforzo serviu para dicir xa abonda a escala mundial e comezar a forzar cambios, aínda nacentes pero nos que debemos seguir avanzando. É por iso, que nós, mulleres e homes, habitantes deste planeta, decidimos libre e fraternalmente facer oír a nosa voz outra vez este 12 de Maio en todo o mundo, para denunciar o estado actual do noso planeta, e esixir a aplicación doutras políticas distintas, destinadas ao fomento e promoción do ben común. Denunciamos que a actual distribución dos recursos económicos é tal que só unha minoría moi exigua escapa á pobreza ou á precariedade. As xeracións futuras están condenadas a recibir unha herdanza envelenada debido aos riscos ambientais provocados por moi poucos para o seu beneficio. Os sistemas políticos democráticos, alí onde os hai, foron baleirados de sentido case na súa totalidade, póndoos ao servizo dos mesmos que só están interesados en aumentar o beneficio para as súas corporacións ou institucións financeiras, sen importar o destino do planeta ou dos seus habitantes. Tamén denunciamos que a actual crise non é un accidente natural. Foi provocada pola avaricia dos mesmos que levaron ao mundo ata esta situación. Coa axuda dunha ciencia económica que perdeu o seu sentido orixinal de xestión do ben común, para converterse en ideoloxía ao servizo do poder financeiro, pretenden impor medidas que asfixian aínda máis a miles de millóns de persoas, sen pedirlles permiso, tan só argumentando que non hai outra solución posíbel. Din que debemos deixar o noso futuro en mans dos mesmos expertos que o están a destruír. Pero tamén, aquí e agora, voltamos. Espertamos e xa non só para queixarnos. Agora apuntamos aos verdadeiros causantes da crise, ás súas políticas e ás súas mentiras disfrazadas de baleira retórica. E propomos alternativas ás súas políticas, que permitan remediar a actual situación e avanzar cara a un mundo máis democrático, onde reinen os valores da liberdade, a igualdade e a fraternidade, o vello soño dos nosos devanceiros cando se levantaron contra a opresión no pasado por todo o planeta. Un mundo onde cada home ou muller teña garantido o dereito á libre procura da felicidade, persoal e colectiva. Isto é o que esiximos: 1. A economía debe estar ao servizo do benestar xeral e do sostén e coidado do medio ambiente, non do beneficio privado. O traballo, ademais, debe de ser valorado e recompensado pola súa utilidade social, non pola súa produtividade comercial ou financeira. Por eles esiximos: Acceso libre e universal á saúde, á educación pública desde o parvulario á universidade, e á vivenda de todos os seres humanos, mediante as políticas axeitadas para iso. Rexeitamos frontalmente a privatización da xestión dos servizos públicos e o uso destes servizos esenciais para o lucro privado. Respecto absoluto polos dereitos da infancia, incluíndo o coidado infantil gratuíto para todas. Xubilación digna para todas, dereito a vacacións e baixa por enfermidade. Todo ser humano debe ter acceso a unha renda axeitada para o seu sustento, polo que pedimos traballo para todas ou, na súa falta, renda básica universal axeitada aos ingresos locais. As grandes empresas deben de ser responsables dos seus actos. Por exemplo, non haberá axudas públicas ou fiscais de calquera tipo a aquelas empresas que violen os dereitos das traballadoras, o medio ambiente, ou practiquen a subcontratación como método de descenso dos salarios. Ademais de pan, queremos rosas. Todas temos dereito a gozar da cultura, participando dun lecer creativo e enriquecedor, ao servizo do progreso humano. Por iso, reclamamos a progresiva redución da xornada laboral, sen diminución da renda. A soberanía alimentaria debe ser promovida mediante unha agricultura sostible, como instrumento de seguridade alimentaria para todas. Isto debe incluír unha moratoria indefinida na produción e comercialización de transxénicos, e a redución inmediata do uso de agroquímicos. Esiximos políticas que entendan que o cambio de modelo de vida será ecolóxico ou non será. Estas políticas deben partir dunha base simple: non pode malograrse o equilibrio dos ecosistemas por simple afán de lucro. De feito, isto debe estar perseguido en todo o mundo como delito ambiental, con onerosas penas para os culpables. Políticas de fomento do paso dos combustíbeis fósiles ás enerxías renovables, mediante masivos investimentos que axuden a un cambio de modelo produtivo. Esiximos a creación de estándares globais de coidado do medio ambiente, obrigatorios para países, compañías e individuos. O ecocidio (dano consciente ao medio ambiente, ecosistemas e á biodiversidade) debe ser recoñecido internacionalmente como un crime da máxima magnitude 2. Para acadar estes obxectivos, consideramos que a economía debe de ser xestionada democraticamente, do nivel local ao global, arrebatando o control das variables fundamentais da mesma ás institucións financeiras, transnacionais, e as súas lobbies. Para iso pedimos: Control e regulación da especulación financeira mediante a abolición dos paraísos fiscais, un Imposto ás transaccións Financeiras (ITF), e a democratización radical do Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, e do Comité de Basilea para regulación bancaria, cuxo mandato a partir de agora debe ser o fomentar un desenvolvemento económico baseado na toma de decisións democráticas. Os países ricos non poden ter máis votos simplemente polo feito de selo. As institucións democráticas deben estar controladas polo principio de que todos os humanos son iguais- africanos, arxentinos, estadounidenses, gregos ou alemáns. Deben realizarse unha reforma radical ou completa reestruturación democrática da Organización Mundial do Comercio, e do sistema de comercio mundial. A mercantilización da vida e os seus recursos, así como a competencia á baixa en salarios e comercio entre os países debe terminar. Recuperación do control democrático dos bens comúns, entendendo como tal todos aqueles recursos naturais e institucións económicas fundamentais para o bo exercicio económico. Isto é: a auga, a enerxía, o aire, as telecomunicacións e o sistema financeiro e monetario. En todos estes casos, a toma das decisións debe ser controlada pola cidadanía, e velar só polos seus intereses, non polos dunha exigua minoría de capitalistas financeiros. Esiximos unha fiscalidade rexional e local que atenda ao principio de solidariedade. Quen máis ten debe contribuír máis ao pago dos servizos destinados ao benestar colectivo. Debe ademais limitarse o ingreso máximo e regularse o mínimo, en cada país, como medida efectiva para reducir a escandalosa brecha social nas nosas sociedades, e os seus perniciosos efectos sociais, políticos e económicos. Non máis diñeiro para rescatar aos bancos. Esiximos unha auditoría social das débedas contraídas polos países, tal e como foi realizada en Ecuador ou Islandia, e non pagar a débeda ilexítima contraída coas institucións financeiras. Separación da banca comercial e a financeira, para evitar bancos “demasiados grandes para caer”. Fin absoluta das políticas de austeridade fiscal, que só benefician a unha minoría e causan gran sufrimento á maioría. Fin da personalidade xurídica das corporacións. As empresas non poden ser suxeitos de dereitos ao mesmo nivel que as persoas. O dereito dos poderes públicos a lexislar en favor dos dereitos laborais, cidadáns ou ambientais, debe prevalecer sobre a protección do investimento ou propiedades privadas. 3. Ademais, consideramos que os sistemas políticos deben ser plenamente democráticos. Reclamamos, xa que logo, a completa democratización das institucións internacionais, eliminando o poder de veto duns poucos países. Queremos un sistema político que represente a variedade e diversidade das nosas sociedades. Por iso, pedimos: Todas as decisións que incumben a toda a Humanidade deben ser tomadas en foros democráticos, como unha asemblea participativa e directa nas NU, e non en clubs de países ricos como o G20 ou G8. Queremos desenvolver unha democracia o máis participativa posíbel, incluíndo o desenvolvemento de formas de democracia directa non representativa a nivel local. Os sistemas electorais deben ser o máis xustos e representativos posíbel, evitando sesgos que deturpen o principio de proporcionalidade. Esiximos democracia en empresas e corporacións. As traballadoras, independentemente do seu nivel salarial ou xénero, deben ter poder real de decisión nas compañías e corporacións nas que traballan. Queremos promover as empresas cooperativas como exemplos auténticos de democracia económica. Pedimos a democratización no acceso e xestión dos medios de comunicación. Estes deben servir á educación da cidadanía, non á creación dun consenso artificial ao redor das políticas inxustas. Tolerancia cero á corrupción política e económica. Debemos deter a influencia desmedida dos grandes negocios na política, que é unha das maiores ameazas na actualidade para a democracia. Esiximos a plena liberdade de expresión, reunión e manifestación, así como o cesamento dos intentos por censurar Internet. Tamén pedimos o respecto absoluto da privacidade en Internet. Compañías e gobernos non deben facer uso impropio dos datos persoais en Internet. Entendemos que o gasto militar é contraproducente cunha sociedade politicamente avanzada, polo que pedimos a súa redución ao mínimo imprescindible. As minorías étnicas, culturais, sociais e sexuais deben ver plenamente recoñecidos os seus dereitos civís, políticos e económicos. Algunhas de nós pensamos que unha nova Declaración dos Dereitos Humanos, axeitada ao século XXI, escrita de xeito participatorio, directa e democrática, necesita ser escrita. E xa que a actual define os nosos dereitos, debe ser promovida a súa completa aplicación nos países pobre e ricos. Necesitamos crear institucións que forcen ao seu cumprimento, e penalice aos que violen estes dereitos, como unha Corte Global que persiga crimes sociais, económicos e ambientais perpetrados por gobernos, empresas e individuos. A todos os niveis, local, nacional, rexional e global, novas constitucións e institucións deben ser deseñadas, como está sucedendo en Islandia ou sucedeu en varios países latinoamericanos. A xustiza e a lei deben ser para todos, ou non serán. Por todo isto, por todo o que esta primavera global representa; verémonos o 12 de maio. Porque non queremos deixar de ser persoas. Non somos números, somos homes e mulleres libres. Pola Primaveira dos pobos!! Pola democracia e a xustiza social a nivel global!! Tomemos as rúas o 12 de Maio!!