Arquivos da categoria: Comunicados

6 anos do 15M

Neste sexto aniversario do 15M en Ourense o movemento quere reivindicar que aquelo que os levou ás rúas na primavera de 2011 segue a ter vixencia na actualidade. Máis aínda cando o tempo parece darlle a razón a aquel berro que chamaba por unha democracia real. As sucesivas tramas corruptas que dende entón viron a luz non fan máis que revelar os escuros funcionamentos das institucións públicas que son de todas nós.

Pero non só iso: a esixencia dunha democracia real tamén se extendía ao propio funcionamento dos partidos políticos que teñen o papel fundamental de nos representar en democracia e que, a tenor dos movementos nos últimos tempos, parecen non percibir que a sociedade non precisa de personalismos, nin baronías, nin liderados unipersonais, e sí dunha renovación verdadeira no seu interior.

O poder popular exercido dende as prazas, a partir daquel 15 de maio de hai seis anos mudouse á consciencia de miles de persoas en todas as partes do país e tamén na nosa cidade, Ourense. As consecuencias foron un aumento do grao de implicación social e político de ducias de persoas na nosa contorna e tamén a elevación dos mínimos de esixencia ética cara ás nosas representantes públicas nas institucións.

A este respecto é chamativo que o máximo dirixente do partido político maioritario na nosa provincia e tamén Presidente da Deputación de Ourense non dubide en manterse aferrado ao seu cargo público a pesar de estar sendo investigado por numerosos delictos. A tan anunciada exemplaridade dos políticos atópase dramaticamente ausente da persoa de Manuel Baltar contribuíndo coa súa actitude a prorrogar o desafecto que a cidadanía ten das súas institucións. Nunca unha persoa debería ser máis importante que o cargo que ocupe e é con comportamentos como o de Baltar que se produce un dano á credibilidade do sistema.

O 15M quere poñer neste sexto aniversario o seu foco de alerta nun caso que, non sendo único, sí é paradigmático dunha enfermidade que afecta á nosa democracia e que, polo ben de todas, débese corrixir canto antes. É por iso que facemos novamente e seis anos despois un chamamento á rebeldía cidadá cotiá. Unha rebeldía que debe ser perenne e que nos manteña alerta daqueles que se din os nosos representantes pero que, en realidade, tan só representan os seus propios intereses.

Contra a corrupción e o nepotismo indignémonos unha vez máis!

15M 2016 :: Nuit Debout

Atendendo á chamada internacional que realiza o movemento Nuit Debout, para sair ás rúas e ocupar as prazas o 14 e 15 de maio, o 15M de Ourense quere ofrecer un espazo de encontro a todos os movementos e persoas loitadoras da nosa cidade.
Ourense é unha cidade con ampla traxectoria reivindicativa e política. O pobo ourensán soubo saír á rúa contra a guerra en numerosas ocasións, para reclamar os dereitos das traballadoras, contra os incendios  forestais, para berrar “nunca máis” e tamén por un campus digno. Centos de persoas fan do seu compromiso un xeito de vida. Loitando día a día en organizacións e colectivos para defender a causa na que cren.
Nuit Debout fixouse como primeiro obxectivo a creación dun espazo de converxencia das loitas e, dende Ourense, propoñemos esta xornada aos colectivos da cidade como recoñecemento e agradecemento a cada un deles pero tamén con ese obxectivo colectivo. A praza Maior de Ourense converterase no lugar onde escoitaremos as voces daquelas que sosteñen a chama da loita popular e cidadá ao longo de todo o ano. En defensa da lingua, do dereito á vivenda ou da liberdade de expresión. Reclamando unha educación e sanidade públicas, gratuítas e de calidade. A preservación do patrimonio de Benposta ou a construcción dun centro para persoas con diversidade funcional. Un campus digno e tamén unha Casa da Xuventude viva e de todas. A apertura de fronteiras para as persoas refuxiadas e máis o respecto aos dereitos do pobo Palestino e do pobo Saharaui. A existencia dun espazo sociocultural autoxestionado e tamén o dereito a unha mobilidade sostible pola nosa cidade. A loita do movemento feminista e máis do movemento ecoloxista. O dereito a pan, traballo e teito. O dereito a querer ser nai ou non e máis a un parto respectado. Os grupos que defenden outros modelos de consumo. E tamén aqueles que reclaman ríos limpos ou que loitan pola defensa dos nosos montes
Hoxe xa non é o momento de indignarse en solitario senón de actuar todas xuntas. Somos o 99% e temos a capacidade de rexeitar aos do 1%, á imposición dos mercados financieiros, á destrución do entorno, ás guerras e, en definitiva, á degradación das nosas condicións de vida.
É por isto que facemos un chamamento a todas aquelas persoas, entidades, colectivos ou organizacións que se sintan interpeladas a que acudan o sábado 14 de maio ás 19h para poñer voz á súa loita. Os colectivos participantes terán a ocasión de explicar as súas experiencias e traballo e aportar alternativas para o futuro. Queremos que se deixe pegada do seu relato nunha conversa colectiva dende o respecto á pluralidade das loitas.

CARRIÑO SOLIDARIO

Hoxe se presenta ás 13:00 hrs. no Pavillón de Os Remedios a campaña CARRIÑO SOLIDARIO para a recollida de alimentos e artigos de hixiene que levará a cabo STOP DESAFIUZAMENTOS OURENSE en colaboración co Clube Baloncesto Pabellón Ourense Feminno.

http://stopdesafiuzamentosourense.blogspot.com.es/2013/10/nova-campana-de-recollida-de-alimentos.html

Rolda de prensa Martes 8/10

Aquí vos deixamos o video e unha imaxe da rolda de prena que se deu para dar a coñecer nos medios as actividades que se están levando a cabo en Ourense co gallo da SEMANA DE ACCIÓN GLOBAL CONTRA A DÉBEDA:

Tamén vos deixamos unha imaxe da mesa informativa que estamos a colocar todos os días maña e tarde na rúa do Paseo: de 11 a 13 hrs. e de 18 a 20 hrs.

Asemblea Aberta Ourense – nova asemblea

Tras o parón veraniego por falta de xente, tentaremos volver a por en marcha as asembleas. A desta semana, por disposición da xente que colabora habitualmente, terá lugar O PRÓXIMO DOMINGO DÍA 29 ÁS 19 HORAS.

Pospoñemos a asemblea para loitar polo DEREITO AO ABORTO

 ABORTO LIBRE E GRATUÍTO: As mulleres decidimos!

Este Xoves día 13 de Xuño non haberá asemblea do 15M en Ourense xa que se decidiu na anterior pospoñela para acudir ao acto Rodeamos a Catedral!! convocado pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto en Ourense que terá lugar ás 20:30.

Lembramos tamén que dita plataforma convoca este Domingo 16 de Xuño ás 17:00 hrs. en Compostela unha manifestación que sairá dende a Estación de tren.

Dende Ourense estanse a organizar autobuses para ir a dita manifestación, aquí vos deixamos máis información:

 

1X: “POBOS UNIDOS CONTRA A TROIKA”

Asemblea Aberta Ourense se une á chamada internacional á movilización, convidando a tod@s a unirse á  manifestación o vindeiro 1 de Xunio.

A continuación vos deixamos o MANIFESTO:

null

POBOS UNIDOS CONTRA A TROIKA: 1 DE XUÑO MANIFESTACIÓN INTERNACIONAL MAREA EUROPEA CONTRA OS RECORTES E POR UNHA VERDADEIRA DEMOCRACIA.

As brutais e inhumanas políticas de axuste impostas pola odiosa Troika (o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional e a Comisión Europea) coa axuda dos gobernos cómplices, están a causar en Europa a maior crise da democracia das últimas décadas. Millóns de persoas estamos a ser condenadas ao paro, á pobreza e mesmo á morte por unha débeda ilexítima e impagábel, que na súa maior parte é privada; de bancos, grandes empresas e entidades financeiras. O rescate Europeo á banca, avalado e garantido polo Estado, unha vez máis privatiza os beneficios mentres socializa as perdas e a cambio esixe recortes sangrantes.

Coa escusa da crise da débeda modificaron a Constitución (Art.135.3) sen escoitar a nosa voz en referendo, impoñéndonos o desmantelamento dos servizos públicos como a Sanidade ou a Educación que é entregado ao sector privado como “oportunidade de negocio”, vulnerando así os dereitos sociais e laborais conquistados nas últimas décadas. Con iso provocouse, ademais, que miles de familias dos países afectados perdan a súa vivenda e a súa vida diaria.

A disolución das fronteiras entre o público e o privado alimenta unha corrupción impune que envilece a nosa sociedade e perverte a política no seu papel insubstituíbel de instrumento de acción cidadá. O obxectivo das privatizacións é o espolio, a concentración da riqueza e o afondamento nas reformas neoliberais.

Xa sexa a través dos memorandos impostos pola Troika a Grecia, Irlanda, Portugal ou Chipre ou do rescate financeiro no caso do Estado Español estase a producir un transvasamento de diñeiro público ás entidades financeiras a custa da perda de dereitos básicos, o empobrecemento xeneralizado da poboación e o aumento da desigualdade social en toda Europa.

Sabemos que o modelo de desenvolvemento insostíbel das últimas décadas baseado nun alto consumo de recursos enerxéticos e materias primas chegou á súa fin. Fronte ao crecemento ilimitado da economía financeira e especulativa é necesario un cambio de rumbo, pero non para salvar os bancos senón as persoas, as xeracións futuras e o planeta.

Este cambio de rumbo debe partir dunha democratización de Europa, dende os seus cidadáns/ás, para que os dereitos das persoas e as decisións políticas democráticas se impoñan á avaricia das institucións e mercados financeiros e das grandes multinacionais.

Cando celebramos o segundo aniversario do 15 M, da toma de conciencia política da cidadanía, dos novos movementos sociais que están a construír dende abaixo alternativas ás políticas neoliberais a través das asembleas, as mareas e as plataformas, sabemos que a nosa loita é internacional e esixe a converxencia da cidadanía de todos os países afectados.

En Europa, diversos colectivos procedentes do Estado Español, Francia, Italia, Grecia, Chipre, Irlanda, Inglaterra, Escocia, Alemaña e Eslovenia reunidos en Lisboa o pasado 26 de abril invitados polo movemento portugués ‘Que se Lixe a Troika’ facemos un chamamento a unha protesta internacional descentralizada o próximo 1 de Xuño contra as políticas de axuste do déficit baixo o lema “Pobos Unidos contra a Troika”.

Este é o comezo dun proceso descentralizado, inclusivo e participativo. Queremos construír colectivamente, unindo as nosas forzas e accións, protestando internacionalmente contra a Troika. Chamamos a todas as persoas, con ou sen partido, con ou sen traballo, con ou sen esperanza, a unirse a esta proposta o próximo 1 de Xuño. Aprememos a todas as organizacións políticas, movementos sociais, sindicatos, partidos, colectivos, grupos informais, a unirse nesta xornada internacional.

Queremos seguir ampliando as nosas alianzas, tanto a nivel nacional como internacional, xa que somos conscientes de que só a suma das nosas voces poderá deter as novas vagas de recortes que se están a preparar. Os pobos de Europa demostraron que non están dispostos a asumir máis sacrificios inútiles. Chegou o momento de demostrar a nosa capacidade para coordinar a loita por outra Europa, a Europa das persoas.

De norte a sur, de leste a oeste tomemos as rúas en toda Europa contra a Troika

Pola Democracia, a Liberdade e os Dereitos sociais.

Non ao golpe de estado financeiro. Non debemos, non pagamos

Hai alternativas. Hai solucións:

– Pola Xustiza social e ambiental

– Pola Transparencia e a Democracia Participativa

– En defensa duns Servizos Públicos e Universais

– Por unha Auditoria Cidadá da Débeda. Contra a Débeda ilexítima

Podedes atopar máis información no evento do Facebook: https://www.facebook.com/events/192329620920601/

#23F :: MAREA CIDADÁ :: 18:00 – PRAZA MAIOR

POLA LIBERDADE. POLA DEMOCRACIA. POLOS DEREITOS SOCIAIS E AMBIENTAIS

A presión dos mercados financeiros, a débeda ilexítima creada polo propio sistema financeiro especulativo e as brutais políticas de axuste dirixidas contra a maioría da sociedade, xunto coa corrupción e a perda de lexitimidade das institucións, están causando no estado español a maior crise da democracia das últimas décadas.
O crecente desemprego, o ataque á Sanidade e a Educación públicas, ós dereitos laborais e sociais, ao medio ambiente, fíxonos confluír nas rúas, nas mareas cidadás, branca, verde, vermella, laranxa, amarela, negra, azul, violeta? Defendendo os nosos dereitos.
Unha sociedade xusta e viable só será posible si a cidadanía únese para defender os dereitos sociais por riba dos mercados e a política honesta e a xustiza social por riba dos intereses das élites financeiras.
A reforma do artigo 135 da Constitución española, sen consulta algunha á cidadanía, supedita todos os recursos do Estado ó pago desta débeda ilexítima a costa de recortar todos os servizos públicos e de poxar a prezo de saldo o patrimonio do Estado. Esta reforma supuxo un “golpe de estado financeiro”, pois maniata ó goberno primando ó pago dos intereses fronte ás obrigacións propias dun Estado Social e de Dereito.
En 1981, tralo golpe militar, a cidadanía manifestouse masivamente en defensa da Liberdade e a Democracia. Agora, 32 anos despois, chamamos a toda a cidadanía, a todas as mareas, asembleas, organizacións e colectivos a confluír nunha xornada de movilización o próximo 23 de febreiro en defensa dunha verdadeira Democracia, a Liberdade e os Dereitos sociais.
Non ó golpe de estado financeiro. Non debemos, non pagamos.
Hai alternativas. Hai solucións:
– Pola Xustiza social e ambiental.
– Pola Transparencia e a Democracia participativa.
– En defensa duns Servizos Públicos e Universais.
– Por unha Auditoria Cidadá da Débeda. Contra a Débeda ilexítima.
“Expresións violentas, racistas, xenófobas, machistas, homófobas, ou fascistas quedan fóra desta convocatoria”

MAREA CIDADÁ #23F :: ROLDA DE PRENSA

Este Xoves 21 de Febreiro tivo lugar a rolda de prensa para presentar a manifestación que terá lugar o Sábado 23 de Febreiro a partires das 18:00 hrs dende a Praza Maior de Ourense.

Estiveron na rolda de prensa representantes das asociacións convocantes:

  • Anova
  • Asemblea Aberta Ourense15m
  • Democracia Real Xa (DRX)
  • Liga estudantil galega
  • Marcha mundial da muller Ourense
  • Movimiento FUE Ourense
  • Plataforma pola Banca Pública
  • Pro Sanidade Digna Ourense (Prosadi)
  • Stopdesafiuzamentos Ourense

Aquí vos deixamos un vídeo da rolda de prensa montado por un compañeiro:

Aproveitamos para deixarvos información da convocatoria…ACUDE e DIFUNDE!!!

Evento en Ourense: https://www.facebook.com/events/336781936421315/

Información a nivel Estatal: http://mareaciudadana.blogspot.com.es/

¡¡¡XUNT@S PODEMOS!!!

 

STOP NEPOTISMO!!! DEMOCRACIA REAL XA!!!

Sr. Baltar, vostede non é un cacique bo. 

 

Vostede é un político ineficaz e pouco valente.  (podería dicirse “Sr. Baltar, vostede non é un político bo… Nin sequera político. É un cacique ineficaz e pouco valente”. Pero como vexades, é a miña opinión.)

 

Ineficaz porque os seus 20 anos de xestión ao mando da Deputación de Ourense  e  os millóns de euros que pasaron polas súas mans non valeron nada máis  que para afundir a provincia en todos os indicadores de benestar  posibles: económicos, laborais, sociais e demográficos. E tamén nuns  indicadores pouco cuantificables: o da calidade democrática e o da  confianza que os cidadáns teñen nas súas institucións.

 

Pouco valente, porque o que Ourense precisa son políticos dispostos a dicir que non, cando un amigo entra pola porta do seu despacho. Políticos dispostos a antepoñer o servizo do ben común, ao amiguismo, ao enchufismo e ao nepotismo. Responsables públicos que saiban que non é preciso facer esa piscina ou esa parada de autobús. Servidores públicos que prioricen os investimentos reais que a provincia precisa por riba das esaxeradas contratacións de persoal que son usadas coa única finalidade de aumentar o número de fieis e caladiños ao seu redor.

 

Entendemos esta homenaxe. A dos seus amigos, a do seu partido. A dos seus familiares aos que coloca sen nengún tipo de aval profesional. A dos concellos que sofreron presións para recoller as invitacións.

Os submisos ás súas manipulacións teñen que estarlle ben agradecidos.

As porcentaxes do voto ao PP en Ourense son a envexa doutros territorios. Vostede presume diso as noites electorais a golpe de trombón e tamén o fixo en noites de coitelos longos en Monte Pío a golpe de cartafol baixo o brazo.

 

Mais, é esta unha homenaxe de Ourense a  Baltar? Como se apuran a bautizala os organizadores? Imposible. Non poden vostedes apropiarse do nome dunha provincia que é de tod@s para  realizar esta homenaxe. Non, porque Ourense somos tod@s. Si, señores do Partido  Popular. Tamén esta cidadanía indignada coa súa falta de vergoña somos  ourensáns. E non somos os únicos. Miles de persoas da provincia sinten desprezo por esta caste política, que non é exclusiva do partido ao que pertence o Sr. Baltar.

 

O  noso esforzo, convocando aquí este acto, é facerlle ver que estamos a  comezar a ser merecentes dunha nova maneira de xestionar a cousa pública. A política é unha arte noble e non pasa, en ningún dos casos, por exercer o control da sociedade e das persoas particulares, mediante a coacción e a concesión de favores persoais a amigos, veciños e axentes políticos. Favores pagados cun diñeiro que é de todas e todos.

 

Sr. Baltar, a súa historia política, que agardamos hoxe remate, só nos ensinou unha cousa: aquilo que non se debe facer.

Sería un síntoma de rexeneración democrática a inmediata investigación, proceso e condena das súas tramas clientelares, da súa corrupción, da ausencia de criterios obxectivos e a total falta de transparencia na adxudicación de contratos, licencias e prazas públicas.Reclamamos para iso a intervención da Fiscalía Anticorrupción.

 

Por iso berramos

!!! STOP NEPOTISMO!!! DEMOCRACIA REAL XA!!!!!!!!!!!)