Arquivos da categoria: Acción/Actividades

Ciclo de Palestras – Creando Alternativas II

5º palestra do ciclo “Creando Alternativas II”

Desobediencia Civil
Mércores 29 de Maio ás 20:00 hrs.
Salón Noble do Liceo de Ourense.

PONENTES:
null

Jorge Álvarez Yágüez é doctor en Filosofía e catedrático de Instituto.

Traballou especialmente no campo da Filosofía Política contemporánea en xeral. Foi invitado por algunhas universidades a dar cursos e conferencias: A&M University de Texas, USA, pola Universidad de Braga, pola Complutense de Madrid, pola UNED, a U. de Santiago.

Colabora con revistas como Isegoría , R.I.F.P., Claves, Debats, Pasajes. É autor de: Michel Foucault: verdad, poder, subjetividad : la modernidad cuestionada (1995), Individuo, liberdade e comunidade: liberalismo e republicanismo, dous modos de entender a cidadanía (2000), Liberalismo, comunitarismo, republicanismo (2002), A convivencia plural: dereitos e políticas de xustiza (2008), editado tamén en castelán por Ed. Bellaterra (2009), Política y República: Aristóteles y Maquiavelo, (2012).

Está a piques de saír o seu último libro: El último Foucault en Biblioteca Nueva.

1X: “POBOS UNIDOS CONTRA A TROIKA”

Asemblea Aberta Ourense se une á chamada internacional á movilización, convidando a tod@s a unirse á  manifestación o vindeiro 1 de Xunio.

A continuación vos deixamos o MANIFESTO:

null

POBOS UNIDOS CONTRA A TROIKA: 1 DE XUÑO MANIFESTACIÓN INTERNACIONAL MAREA EUROPEA CONTRA OS RECORTES E POR UNHA VERDADEIRA DEMOCRACIA.

As brutais e inhumanas políticas de axuste impostas pola odiosa Troika (o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional e a Comisión Europea) coa axuda dos gobernos cómplices, están a causar en Europa a maior crise da democracia das últimas décadas. Millóns de persoas estamos a ser condenadas ao paro, á pobreza e mesmo á morte por unha débeda ilexítima e impagábel, que na súa maior parte é privada; de bancos, grandes empresas e entidades financeiras. O rescate Europeo á banca, avalado e garantido polo Estado, unha vez máis privatiza os beneficios mentres socializa as perdas e a cambio esixe recortes sangrantes.

Coa escusa da crise da débeda modificaron a Constitución (Art.135.3) sen escoitar a nosa voz en referendo, impoñéndonos o desmantelamento dos servizos públicos como a Sanidade ou a Educación que é entregado ao sector privado como “oportunidade de negocio”, vulnerando así os dereitos sociais e laborais conquistados nas últimas décadas. Con iso provocouse, ademais, que miles de familias dos países afectados perdan a súa vivenda e a súa vida diaria.

A disolución das fronteiras entre o público e o privado alimenta unha corrupción impune que envilece a nosa sociedade e perverte a política no seu papel insubstituíbel de instrumento de acción cidadá. O obxectivo das privatizacións é o espolio, a concentración da riqueza e o afondamento nas reformas neoliberais.

Xa sexa a través dos memorandos impostos pola Troika a Grecia, Irlanda, Portugal ou Chipre ou do rescate financeiro no caso do Estado Español estase a producir un transvasamento de diñeiro público ás entidades financeiras a custa da perda de dereitos básicos, o empobrecemento xeneralizado da poboación e o aumento da desigualdade social en toda Europa.

Sabemos que o modelo de desenvolvemento insostíbel das últimas décadas baseado nun alto consumo de recursos enerxéticos e materias primas chegou á súa fin. Fronte ao crecemento ilimitado da economía financeira e especulativa é necesario un cambio de rumbo, pero non para salvar os bancos senón as persoas, as xeracións futuras e o planeta.

Este cambio de rumbo debe partir dunha democratización de Europa, dende os seus cidadáns/ás, para que os dereitos das persoas e as decisións políticas democráticas se impoñan á avaricia das institucións e mercados financeiros e das grandes multinacionais.

Cando celebramos o segundo aniversario do 15 M, da toma de conciencia política da cidadanía, dos novos movementos sociais que están a construír dende abaixo alternativas ás políticas neoliberais a través das asembleas, as mareas e as plataformas, sabemos que a nosa loita é internacional e esixe a converxencia da cidadanía de todos os países afectados.

En Europa, diversos colectivos procedentes do Estado Español, Francia, Italia, Grecia, Chipre, Irlanda, Inglaterra, Escocia, Alemaña e Eslovenia reunidos en Lisboa o pasado 26 de abril invitados polo movemento portugués ‘Que se Lixe a Troika’ facemos un chamamento a unha protesta internacional descentralizada o próximo 1 de Xuño contra as políticas de axuste do déficit baixo o lema “Pobos Unidos contra a Troika”.

Este é o comezo dun proceso descentralizado, inclusivo e participativo. Queremos construír colectivamente, unindo as nosas forzas e accións, protestando internacionalmente contra a Troika. Chamamos a todas as persoas, con ou sen partido, con ou sen traballo, con ou sen esperanza, a unirse a esta proposta o próximo 1 de Xuño. Aprememos a todas as organizacións políticas, movementos sociais, sindicatos, partidos, colectivos, grupos informais, a unirse nesta xornada internacional.

Queremos seguir ampliando as nosas alianzas, tanto a nivel nacional como internacional, xa que somos conscientes de que só a suma das nosas voces poderá deter as novas vagas de recortes que se están a preparar. Os pobos de Europa demostraron que non están dispostos a asumir máis sacrificios inútiles. Chegou o momento de demostrar a nosa capacidade para coordinar a loita por outra Europa, a Europa das persoas.

De norte a sur, de leste a oeste tomemos as rúas en toda Europa contra a Troika

Pola Democracia, a Liberdade e os Dereitos sociais.

Non ao golpe de estado financeiro. Non debemos, non pagamos

Hai alternativas. Hai solucións:

– Pola Xustiza social e ambiental

– Pola Transparencia e a Democracia Participativa

– En defensa duns Servizos Públicos e Universais

– Por unha Auditoria Cidadá da Débeda. Contra a Débeda ilexítima

Podedes atopar máis información no evento do Facebook: https://www.facebook.com/events/192329620920601/

Video coa 4º palestra do Ciclo Creando Alternativas II

 

Aquí vos deixamos un enlace co video da cuarta palestra do Ciclo Creando Alternativas II que tivo lugar este Mércores 22 de Maio ás 20:00 no Salón Noble do Liceo de Ourense, onde se falou sobre Decrecemento  con Carlos Taibo:

Ciclo de Palestras – Creando Alternativas II

 

4º palestra do ciclo “Creando Alternativas II”

Por qué o decrecemento?

Mércores 22 de Maio ás 20:00 hrs.

Salón Noble do Liceo de Ourense.

 

PONENTE:

Carlos Taibo (Madrid, 1956)

É professor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid. Os seus últimos libros son ‘Decrescimento, crise, capitalismo’, ‘El decrecimiento explicado con sencillez’, ‘España, un gran país’ y ‘Que no se apague la luz. Un diario de campo del 15-M’.

Video coa 3º palestra do Ciclo Creando Alternativas II

 

Aquí vos deixamos un enlace co video da terceira palestra do Ciclo Creando Alternativas II que tivo lugar este Mércores 15 de Maio ás 20:00 no Salón Noble do Liceo de Ourense, onde se falou sobre Finanzas Éticas con Raquel Do Allo de Fiare, Mª Jose Vázquez de Coop 57 e Ricardo Paz do AIS O Peto:

Ciclo de Palestras – Creando Alternativas II

3º palestra do ciclo “Creando Alternativas II”


Finanzas Éticas
Mércores 15 de Maio ás 20:00 hrs.
Salón Noble do Liceo de Ourense.

PONENTES:

Ricardo Paz – Membro da AIS O Peto.
Esta é unha asociación sen ánimo de lucro que alenta e propón unha economía ao servizo da persoa, que se encadra no entramado da economía alternativa e concretamente no nivel micro, local, da banca ética. É autoxestionaria e promove unha forma solidaria de aforro e de inversión ética a traves de micro créditos a diversos proxectos. Xa que toda decisión económica é, en último termo, unha decisión ética.

María josé Vazquez Ramos – Membro da comisión social de Coop 57.
Coop 57 é unha cooperativa de servizos que destina os seus recursos propios a dar préstamos a proxectos de economía social que promovan a ocupación fomenten o cooperativismo, o asociacionismo e a solidaridade en xeral e promovan a sostibilidade sobre a base de principios éticos e solidarios. Os socios de Coop 57 saben onde vai o seu diñeiro e participan na determinación dos principios e criterios de inversión.

Raquel Do Allo – Socia de Fiare.
Fiare son duas cousas o mesmo tempo: 1º unha rede de persoas e organizacións con vocación de crear alternativas dentro do mercado financeiro para construir unha economía con outros valores ao servizo dunha sociedade máis xusta e 2º unha empresa que opera no Estado Español como axente de Banca Popolare Etica.S.coop. No tocante á rede de persoas e organizacións Fiare parte dunha convicción: a actividade económica non é neutral e debe por tanto escoller o camiño da ética.

#12M #15M. Concentración e asemblea para celebrar o 2º Aniversario do movemento

Este Domingo 12 de Maio ás 19:00 hrs. convocamos dende Asemblea Aberta Ourense unha concetración para celebrar o 2º Aniversario do movemento na Praza Maior.

A concentración transcurriu cunha asemblea aberta, na que antes de dar comezo se leu un texto cun pequeno resumo do traballo nestes dous anos, e que vos deixamos a continuación:

O 15 de maio do 2011 botaba a andar o movemento social máis importante dos últimos tempos en España, o 15M. Estudantes, xubilados, economistas, parados, mestres, médicos, xuristas, amas de casa indignad@s que uniron forzas e ideas para analizar e denunciar a situación económica e política actual e buscar alternativas.

Trala primeira manifestación secundada ese día en tódalas comunidades por milleiros de persoas, o pobo tomou ás prazas de cidades e vilas reclamando máis poder de decisión, unha democracia real. Ourense sumouse á loita.

Ás primeiras xornadas intensas, día e noite, con debates multitudinarios sobre o sistema electoral, as institucións públicas, a sanidade, consumo responsable, educación, corrupción, benestar social… e con moreas de propostas de mellora, seguíronlle semanas e semanas de traballo, que xa non recolleron os medios de comunicación como ao principio, pero nas que xermou unha conciencia cidadá disposta a facer algo por cambiar este sistema neoliberal anti persoas.

Malia o empeoramento dos datos do paro, malia os mal chamados suicidios, malia ter que rescatar cos nosos cartos uns bancos que nos deixan sen vivenda… Malia todo, e malia que o panorma actual é desolador, non tiramos a toalla. Como rezaban os cartaces que nos primeiros días adornaban as prazas, “imos amodo porque imos lonxe”.

Asemblea Aberta Ourense traballa dende hai dous anos secundando convocatorias a nivel estatal e desenvolvendo accións e actividades por iniciativa propia. De aquí sairon plataformas coma Stop Desafiuzamentos, Stop Nepotismo e a Plataforma pola Banca Pública que se opoñen respectivamente aos desaloxos de familias das súas vivendas, aos casos de corrupción e caciquismo na nosa provincia e ao espolio das caixas galegas.

Con Stop Desafiuzamentos axudamos a familias a acadar a dación en pago e seguimos negociando, xunto con avogados, cos bancos para que outras acaden o mesmo e que poidan quedar nos casas cun alugueiro social. Dende Stop Nepotismo fomos os primeiros en denunciar públicamente con performances os enchufes na Deputación, antes de que o ex presidente fora imputado por prevaricación continuada. Momento, o da declaración de José Luís Baltar, no que tamén estivemos ás portas do xulgado para amosar o noso rexeitamento á lentitude da xustiza. Esta acusación formal chega tarde. Coa Plataforma pola Banca Pública pedimos que se axuice ás cúpulas directivas das caixas galegas pola desfeita que fixeron cos nosos aforros co silencio e axuda do Banco de España e do Goberno. Unímonos á petición dunha auditoría cidadá da débeda, unha débeda ilexítima que está sendo a excusa para impoñer uns recurtes que en vez de traer a fin da crise, aumentan as desigualdades, a pobreza.

Manifestacións, concentracións, representacións teatrais denunciando esta débeda que non é pública e que asumimos como tal, o primeiro escrache a un deputado galego do PP para que votara a favor da ILP contra os desafiuzamentos foron algunhas das mobilizacións organizadas por Asemblea Aberta Ourense.

Apoiáronse ás persoas estafadas coas participacións preferentes, unímonos aos movementos pola defensa da natureza, contra os lumes forestais, a prol da sanidade pública e da educación de calidade e para todos. Dende Ourense, integrantes do 15M, participamos na recollida das sinaturas que a Plataforma dos Afectados pola Hipoteca presentou (finalmente un millón máis das necesarias) no Congreso para reformar a lei hipotecaria, a ILP presentada amparada co dereito constitucional foi botada abaixo pola maioría do PP.

En febreiro deste ano para aunar forzas, nace Marea Cidadá. Grupos ecoloxistas, feministas, de funcionarios, de estudantes e afectados polas preferentes que traballan agora conxuntamente para, dende Ourense, reclamar os nosos dereitos e defender as nosas libertades.

O traballo non remata aquí, indignad@s seguimos dous anos despois. Programamos un ciclo de palestras coma un paso máis cara a concienciación, para amosar que si que hai alternativas. Propomos un control sobre os Mercados e a Banca, para que non poidan acaparar os nosos recursos, un cambio de modelo político e social con menos inxustizas, máis trasparente e no que todos poidamos participar. Propomos devolver a dignidade ao ser humano, e valorar o esforzo real que cada un inviste no benestar de todos. O desenvolvemento respectuoso co medio e con todos é posible.

E lembramos que Asemblea Aberta Ourense precisa de apoio, de máis voces que desexen unirse á construcción (sabemos que complicada mais non imposible) dun mundo mellor.

Tódolos xoves ás 20:30, na Praza Maior de Ourense. Agardámoste.

Videos coa 2º palestra do Ciclo Creando Alternativas II

Aquí vos deixamos uns enlaces cos videos da segunda palestra do Ciclo Creando Alternativas II que tivo lugar este Mércores 8 de Maio ás 20:30 no Salón Noble do Liceo de Ourense, onde se falou sobre Cando se instala a mentira. Outro xornalismo é posible con Rosa María Calaf:

Parte 1:

 

Parte 2:

 

Parte 3:

Parte 4:

 

 

Ciclo de Palestras – Creando Alternativas II

2º palestra do ciclo “Creando Alternativas II”
Cando se instala a mentira. Outro xornalismo é posible

Mércores 8 de Maio ás 20:30 hrs.
Salón Noble do Liceo de Ourense.

 

PONENTE:
Rosa María Calaf

Rosa María Calaf (Barcelona, 1945)

Traballou en Radio Televisión Española dende 1970 ata a súa xubilación. Rosa María Calaf é sen dúbida unha decana das corresponsalías de Televisión Española. Visitou 170 países e estivo de correspondente en New York, para Estados Unidos e Canadá (1983-1987), en Moscú para a Unión Soviética (1987-1989) e en (1996-1999) para Rusia. En Bos Aires para América Latina (1989-1993), en Roma para Italia e o Vaticano (1993- 1996), en Viena e para os Países do Este e Os Balcáns (1996). A súa última etapa en TVE pasouna cubrindo a ampla área de Ásia-Pacífico (1999-2007).

Pero antes de inicia-la súa exitosa carreira no estranxeiro destaca tamén o seu paso pola Televisión de Cataluña, na súa etapa fundacional, onde foi directora de programación e producción en 1983. E con anterioridade ao seu labor informativo en TVE traballou como xornalista radiofónica e colaborou con magazines e programas como “300 millones” o que lle permitiu viaxar por toda América Latina.

Con case 40 anos de exercicio da profesión como xornalista o seu traballo destaca sobre todo, pola súa calidade, rigor, honestidade e compromiso coa excelencia informativa.  Rosa María Calaf encarna ese xornalismo de servizo público, sobrio e fiable tan escaso na actualidade nos medios de comunicación de masa, máis interesados en contentar ao poder económico e político para subsistir nesta crise de valores que vive o xornalismo no século XXI, que en ofrecer información de calidade e de interese para os cidadáns.  A súa xubilación está a ser moi activa, e non deixa de viaxar,  pola súa  paixón polas viaxes e tamén para colaborar de xeito altruista con numerosas institucións e ofrecer aos que a queiran escoitar o seu lúcido punto de vista sobre o xornalismo e o seu exercicio.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Rosa María Calf recibiu numerosos premios:
– Lazo de Dama da Orden del Mérito Civil (1993).
– Premio Ondas 2001 á mellor tarefa profesional.
– Micrófono de Plata Especial 2001 da Asociación de Profesionais de Radio e Televisión.
– Ábaco de Oro-Español del Año pola cobertura informativa do SARS da Cámara de comercio de España en Hong Kong.
– Oficio de Periodista 2003 do Colexio de Periodistas de Cataluña.
– Premio Protagonistas 2004  TV – Onda Cero.
– Premio Ana Tutor 2005.
– Premio Casa Asia 2005 pola cobertura informativa do tsunami.
– Pulse Club Internacional de Prensa 2006 á mellor tarefa informativa no estranxeiro.
– Premio Etnosur 2006 (Jaén) pola tarefa en favor da diversidade.
– Pulse Club de las 25 2007 (Madrid) á mellor traxectoria profesional.
– Premio Ciudad de Frías 2007 (Burgos) pola reportaxe “Encuentro en Vanuatu”.
– Women Together Award 2007 (Naciones Unidas, Nueva York) pola traxectoria profesional en favor dos obxectivos do milenio.
– XXIII Premio de periodismo Cirilo Rodríguez 2007 da Asociación da Prensa de Segovia ao mellor traballo de correspondente e enviados especiais no estranxeiro.
– Premio de la Federación de Mujeres Progresistas 2007 polo seu traballo a favor da igualdade.
– Premio Toda una Vida 2007 outorgado pola Academia da Televisión de España.

* Recentemente ven de nacer un premio co seu nome: premio Rosa María Calaf de Investigación Social, que organiza o Concello de Alcalá la Real (Jaén), Alcalá Grupo Editorial, Fundación Cruzcampo e a Universidade de Jaén. O obxectivo deste galardón é fomentar a busca sobre os grandes problemas que afronta o mundo no século XXI: medio ambiente, migracións, terrorismo, fame, conflitos armados, violencia, antropoloxía urbana, movementos sociais, mestizaxe, solidaridade, etc.

Na actualidade tamén colabora coa Universitat Rovira y Virgili de Tarragona e está a levar a cabo o proxecto na Internet http://www.rosamariacalaf.mydocumenta.com/.

Video coa 1ª palestra do Ciclo Creando Alternativas II

Aquí vos deixamos un enlace co video da primeira palestra do Ciclo Creando Alternativas II que tivo lugar este Xoves 2 de Maio ás 20:00 no Salón Noble do Liceo de Ourense, onde se falou sobre Consumo e Economía Social con Xan Martínez de A Xoaniña (Ferrol) e Víctor Barro de Semente (Ourense):