Neste sexto aniversario do 15M en Ourense o movemento quere reivindicar que aquelo que os levou ás rúas na primavera de 2011 segue a ter vixencia na actualidade. Máis aínda cando o tempo parece darlle a razón a aquel berro que chamaba por unha democracia real. As sucesivas tramas corruptas que dende entón viron a luz non fan máis que revelar os escuros funcionamentos das institucións públicas que son de todas nós.
Pero non só iso: a esixencia dunha democracia real tamén se extendía ao propio funcionamento dos partidos políticos que teñen o papel fundamental de nos representar en democracia e que, a tenor dos movementos nos últimos tempos, parecen non percibir que a sociedade non precisa de personalismos, nin baronías, nin liderados unipersonais, e sí dunha renovación verdadeira no seu interior.
O poder popular exercido dende as prazas, a partir daquel 15 de maio de hai seis anos mudouse á consciencia de miles de persoas en todas as partes do país e tamén na nosa cidade, Ourense. As consecuencias foron un aumento do grao de implicación social e político de ducias de persoas na nosa contorna e tamén a elevación dos mínimos de esixencia ética cara ás nosas representantes públicas nas institucións.
A este respecto é chamativo que o máximo dirixente do partido político maioritario na nosa provincia e tamén Presidente da Deputación de Ourense non dubide en manterse aferrado ao seu cargo público a pesar de estar sendo investigado por numerosos delictos. A tan anunciada exemplaridade dos políticos atópase dramaticamente ausente da persoa de Manuel Baltar contribuíndo coa súa actitude a prorrogar o desafecto que a cidadanía ten das súas institucións. Nunca unha persoa debería ser máis importante que o cargo que ocupe e é con comportamentos como o de Baltar que se produce un dano á credibilidade do sistema.
O 15M quere poñer neste sexto aniversario o seu foco de alerta nun caso que, non sendo único, sí é paradigmático dunha enfermidade que afecta á nosa democracia e que, polo ben de todas, débese corrixir canto antes. É por iso que facemos novamente e seis anos despois un chamamento á rebeldía cidadá cotiá. Unha rebeldía que debe ser perenne e que nos manteña alerta daqueles que se din os nosos representantes pero que, en realidade, tan só representan os seus propios intereses.
Contra a corrupción e o nepotismo indignémonos unha vez máis!