15M 2016 :: Nuit Debout

Atendendo á chamada internacional que realiza o movemento Nuit Debout, para sair ás rúas e ocupar as prazas o 14 e 15 de maio, o 15M de Ourense quere ofrecer un espazo de encontro a todos os movementos e persoas loitadoras da nosa cidade.
Ourense é unha cidade con ampla traxectoria reivindicativa e política. O pobo ourensán soubo saír á rúa contra a guerra en numerosas ocasións, para reclamar os dereitos das traballadoras, contra os incendios  forestais, para berrar “nunca máis” e tamén por un campus digno. Centos de persoas fan do seu compromiso un xeito de vida. Loitando día a día en organizacións e colectivos para defender a causa na que cren.
Nuit Debout fixouse como primeiro obxectivo a creación dun espazo de converxencia das loitas e, dende Ourense, propoñemos esta xornada aos colectivos da cidade como recoñecemento e agradecemento a cada un deles pero tamén con ese obxectivo colectivo. A praza Maior de Ourense converterase no lugar onde escoitaremos as voces daquelas que sosteñen a chama da loita popular e cidadá ao longo de todo o ano. En defensa da lingua, do dereito á vivenda ou da liberdade de expresión. Reclamando unha educación e sanidade públicas, gratuítas e de calidade. A preservación do patrimonio de Benposta ou a construcción dun centro para persoas con diversidade funcional. Un campus digno e tamén unha Casa da Xuventude viva e de todas. A apertura de fronteiras para as persoas refuxiadas e máis o respecto aos dereitos do pobo Palestino e do pobo Saharaui. A existencia dun espazo sociocultural autoxestionado e tamén o dereito a unha mobilidade sostible pola nosa cidade. A loita do movemento feminista e máis do movemento ecoloxista. O dereito a pan, traballo e teito. O dereito a querer ser nai ou non e máis a un parto respectado. Os grupos que defenden outros modelos de consumo. E tamén aqueles que reclaman ríos limpos ou que loitan pola defensa dos nosos montes
Hoxe xa non é o momento de indignarse en solitario senón de actuar todas xuntas. Somos o 99% e temos a capacidade de rexeitar aos do 1%, á imposición dos mercados financieiros, á destrución do entorno, ás guerras e, en definitiva, á degradación das nosas condicións de vida.
É por isto que facemos un chamamento a todas aquelas persoas, entidades, colectivos ou organizacións que se sintan interpeladas a que acudan o sábado 14 de maio ás 19h para poñer voz á súa loita. Os colectivos participantes terán a ocasión de explicar as súas experiencias e traballo e aportar alternativas para o futuro. Queremos que se deixe pegada do seu relato nunha conversa colectiva dende o respecto á pluralidade das loitas.

Os comentários estão desativados.