#12M #15M. Concentración e asemblea para celebrar o 2º Aniversario do movemento

Este Domingo 12 de Maio ás 19:00 hrs. convocamos dende Asemblea Aberta Ourense unha concetración para celebrar o 2º Aniversario do movemento na Praza Maior.

A concentración transcurriu cunha asemblea aberta, na que antes de dar comezo se leu un texto cun pequeno resumo do traballo nestes dous anos, e que vos deixamos a continuación:

O 15 de maio do 2011 botaba a andar o movemento social máis importante dos últimos tempos en España, o 15M. Estudantes, xubilados, economistas, parados, mestres, médicos, xuristas, amas de casa indignad@s que uniron forzas e ideas para analizar e denunciar a situación económica e política actual e buscar alternativas.

Trala primeira manifestación secundada ese día en tódalas comunidades por milleiros de persoas, o pobo tomou ás prazas de cidades e vilas reclamando máis poder de decisión, unha democracia real. Ourense sumouse á loita.

Ás primeiras xornadas intensas, día e noite, con debates multitudinarios sobre o sistema electoral, as institucións públicas, a sanidade, consumo responsable, educación, corrupción, benestar social… e con moreas de propostas de mellora, seguíronlle semanas e semanas de traballo, que xa non recolleron os medios de comunicación como ao principio, pero nas que xermou unha conciencia cidadá disposta a facer algo por cambiar este sistema neoliberal anti persoas.

Malia o empeoramento dos datos do paro, malia os mal chamados suicidios, malia ter que rescatar cos nosos cartos uns bancos que nos deixan sen vivenda… Malia todo, e malia que o panorma actual é desolador, non tiramos a toalla. Como rezaban os cartaces que nos primeiros días adornaban as prazas, “imos amodo porque imos lonxe”.

Asemblea Aberta Ourense traballa dende hai dous anos secundando convocatorias a nivel estatal e desenvolvendo accións e actividades por iniciativa propia. De aquí sairon plataformas coma Stop Desafiuzamentos, Stop Nepotismo e a Plataforma pola Banca Pública que se opoñen respectivamente aos desaloxos de familias das súas vivendas, aos casos de corrupción e caciquismo na nosa provincia e ao espolio das caixas galegas.

Con Stop Desafiuzamentos axudamos a familias a acadar a dación en pago e seguimos negociando, xunto con avogados, cos bancos para que outras acaden o mesmo e que poidan quedar nos casas cun alugueiro social. Dende Stop Nepotismo fomos os primeiros en denunciar públicamente con performances os enchufes na Deputación, antes de que o ex presidente fora imputado por prevaricación continuada. Momento, o da declaración de José Luís Baltar, no que tamén estivemos ás portas do xulgado para amosar o noso rexeitamento á lentitude da xustiza. Esta acusación formal chega tarde. Coa Plataforma pola Banca Pública pedimos que se axuice ás cúpulas directivas das caixas galegas pola desfeita que fixeron cos nosos aforros co silencio e axuda do Banco de España e do Goberno. Unímonos á petición dunha auditoría cidadá da débeda, unha débeda ilexítima que está sendo a excusa para impoñer uns recurtes que en vez de traer a fin da crise, aumentan as desigualdades, a pobreza.

Manifestacións, concentracións, representacións teatrais denunciando esta débeda que non é pública e que asumimos como tal, o primeiro escrache a un deputado galego do PP para que votara a favor da ILP contra os desafiuzamentos foron algunhas das mobilizacións organizadas por Asemblea Aberta Ourense.

Apoiáronse ás persoas estafadas coas participacións preferentes, unímonos aos movementos pola defensa da natureza, contra os lumes forestais, a prol da sanidade pública e da educación de calidade e para todos. Dende Ourense, integrantes do 15M, participamos na recollida das sinaturas que a Plataforma dos Afectados pola Hipoteca presentou (finalmente un millón máis das necesarias) no Congreso para reformar a lei hipotecaria, a ILP presentada amparada co dereito constitucional foi botada abaixo pola maioría do PP.

En febreiro deste ano para aunar forzas, nace Marea Cidadá. Grupos ecoloxistas, feministas, de funcionarios, de estudantes e afectados polas preferentes que traballan agora conxuntamente para, dende Ourense, reclamar os nosos dereitos e defender as nosas libertades.

O traballo non remata aquí, indignad@s seguimos dous anos despois. Programamos un ciclo de palestras coma un paso máis cara a concienciación, para amosar que si que hai alternativas. Propomos un control sobre os Mercados e a Banca, para que non poidan acaparar os nosos recursos, un cambio de modelo político e social con menos inxustizas, máis trasparente e no que todos poidamos participar. Propomos devolver a dignidade ao ser humano, e valorar o esforzo real que cada un inviste no benestar de todos. O desenvolvemento respectuoso co medio e con todos é posible.

E lembramos que Asemblea Aberta Ourense precisa de apoio, de máis voces que desexen unirse á construcción (sabemos que complicada mais non imposible) dun mundo mellor.

Tódolos xoves ás 20:30, na Praza Maior de Ourense. Agardámoste.

Os comentários estão desativados.