ACTA DA AEMBLEA ABERTA OURENSE 18 DE ABRIL 2013

Data: 18/4/2013
Lugar: Bar Trampitán

Hora de convocatoria: 20:30H
Hora de comezo: 20:40H
Hora de remate: 22:06H

ORDE DO DÍA
1. Manifestacion do 25 de abril
2. Manifestacion 1º de Maio
3. Peche no I.E.S. “A Carballeira”
4. Información STOP DESAFIUZAMENTOS
5. Loxística e finanzamento dos concertos 2º Aniversario
6. Varios

[*] Antes de comezar a xuntanza da Asemblea preséntase ante a mesma Marcial Peranes, secretario do Ateneu, que informa sobre a difícil situación económica actual deste tras o recente desaloxo do edificio San
Martín, que ocasionou unha serie de dificultades económicas froito dunha baixada no número de afiliacións que lles impide manter o pagamento do local actual. Con tal motivo, traslada a petición de apoio a todos os
colectivos sociais e culturais da cidade, animándoos a participar nun acto solidario que se realizará na actual sede do Ateneu (Avda. da Habana, 25) ás 20:15H do vindeiro mércores 24 de abril no que se fará
pública esta situacion.

1.- Montse pasa a informar á Asemblea sobre a reunión que mantivo o domingo 14 cos colectivos xuvenís da cidade a propósito de organizar a mobilización local para o 25 de abril. Fixáronse durante a mesma o
percorrido da manifestación (dende a Alameda á sede do PP con varias paradas durante a mesma na biblioteca, xulgados, etc.), e mailo cartel e lema desta (“O pobo é quen máis ordena”); acordándose do
mesmo xeito que a faixa sería unitaria, sen siglas, e sen bandeiras polo medio de ningunha organización política ou sindical. Levaranse tamén máscaras tipo “V de Vendetta” que se repartirán na propia
manifestación para remarcar o sentido unitario da mesma. A manifestación sairá en principio ás 20:00H dende a Alameda, quedando non obstante por concretar na vindeira reunión dos colectivos organizadores
do venres 19 ás 19:00H no CS “Sem um cam”, á que acudiria Montse no caso de que ao final ninguén se apunte. Sobre a proposta que facíamos como Asamblea Aberta do “In-Out”, informase de que esta
finalmente non foi compartida debido a que se vía como moi complicada polo resto de colectivos presentes.
Infórmase tamén de que un pequeño grupo de 4-5 persoas da Asemblea están organizando unha viaxe a Madrid polo 25 de abril. Pese a algunha reticencia referinte a centrar únicamente na sede do PP a protesta,
a Asemblea aproba sumarse a esta manifestación xa que non conta co tempo suficiente para organizar outra cousa. Acórdase neste sentido aprazar a vindeira asemblea debido a que a manifestación coincide en
xoves.

2.- Sobre a manifestación do 1º de Maio, infórmase do contacto dos sindicatos minoritarios coa Asemblea para a participación desta no “bloque crítico” da manifestación. No caso de aceptar esta invitación, quedaría
por decidir o lema da parcarta, un manifesto, nota de prensa, etc. Sobre o “bloque crítico”, recórdase que os sindicatos maioritarios prestaron colaboración en varias das actividades da Asemblea ao longo do ano,
acordándose que ir nun “bloque critico” non implicaba ir contra unhas siglas sindicais concretas. A asembleaconsensúa acudir á manifestación do 1º de Maio como “bloque crítico” ao final da mesma, aprobando consecuentemente acudir á reunión preparatoria desta do mércores 24 ás 18:00H na Universidade.

3.- Infórmase ante a Asemblea que mañá, venres 19 de abril ás 19:00H, terá lugar un peche no I.E.S. “A Carballeira” con motivo dos plans da Xunta de Galicia de transformalo nun centro integrado de FP (quitando
con isto os cursos da ESO actuais). Invítase a participar masivamente nesta acción.

4.- Pásase a informar sobre a última reunión da comisión de seguemento dos desafiuzamentos do Concello de Ourense, repetíndose de novo as malas sensacións sobre a mesma. Novo desentendemento da maioría
de forzas políticas. As entidades bancarias, pola súa parte, seguen insistindo no discurso de “non existen casos de desafiuzamento actuais en Ourense”. Durante esta última reunión, “Stop Desafiuzamentos”
centrouse na redacción das súas propostas para a comisión, e na petición dun teléfono para a atención á cidadanía afectada por este problema. O Concello comprometeuse á creación deste teléfono e a darlle a
publicidade axeitada. O problema neste sentido ven no tocante a onde redirixiría este teléfono de atención, xa que a prometida “Comisión Técnica” (formada por asesores legais, psicolóxicos, un membro de Stop
Desafiuzamentos, técnicos varios do Concello, etc.) considérase agora polo Concello “excesiva” e pouco útil. Entre o resto de propostas, estaría a invitación ao Concello de deixar de efecturar transaccións e outras
operacións bancarias con aquelas entidades que estiveran levando a cabo desafiuzamentos na cidade.
Tamén caeu abaixo outra proposta de Stop Desafiuzamentos referente á utilización do parque móbil do Concello gratuitamente para a mudanza da xente desafiuzada, alegándose que iso esixía moitos trámites e
derivando a decisión a un pleno. Recóllese tamén que houbo un pequeño altercado na comisión coa asesora legal do PP, que chegou a burlarse da dacción en pagamento. As sensacións seguen sendo que o
Concello só pretende con esta comisión unha publicidade puntual que non se concrete en nada, sendo a Asemblea moi excéptica co que poida sair en positivo desta comisión pese ás boas intencións dalgún grupo
político.

5.- Miguel fai á Asemblea unha proposta de autofinanciamento para pagar o equipo de son do concerto, que consistiría en ir 2-3 persoas polos bares da cidade ofrecéndolles pór o seu anuncio no cartel do concerto
colaborando económicamente co mesmo (20-25€). Debido ao problema de que os carteis xa estan impresos e mesmo colgados, proponse engadir eses patrocinadores cunha fotocopia pegada debaixo de cada cartel.
A asemblea aproba por unanimidade a proposta, e fórmase un grupo para ir facendo este percorrido polos bares da cidade o luns á mañá, no que estaría Miguel e Jose Antonio (Ruben queda encargado de editar os
anuncios para logo imprimilos). Recórdase que os tacos de entradas para vender e mailos carteis quedan no Trampitán, tendo que apuntarse previamente cada un no caso de que colla os tacos que considere para
vendelos. Para a vindeira semana estarán impresas xa as postais (500 en total), que se venderán a 0.5€ cada unha. No tocante á recollida de alimentos no concerto, infórmase que dende Cruz Vermella ofrécense
a recoller os alimentos coa condición de facelo o luns seguinte ao concerto (xa que non contan con persoal suficiente na fin de semana). Montse contactou tamén co banco de alimentos da rúa Manuel Murguía debido
á reticencia de parte da Asemblea a realizar a recolida dos alimentos con Cruz Vermella. Fíxase o luns 22 á tarde como data límite para decidir quen e cando recolle os alimentos do concerto. Para publicitar esta
recollida de alimentos, acórdase imprimir unhas octavillas que informen sobre a mesma que se repartirán con cada entrada vendida.

6.- Infórmase de que hai un Piratepad aberto para ir coordinando as ceas dos diferentes conferenciantes das xornada de maio, así como para organizar as diferentes tarefas dos concertos para que se poida sumar
a xente que quera participar nas mesmas.

En Ourense, ás 22:06h, dase por rematada a asemblea.

Os comentários estão desativados.