MANIFESTO STOP DESAFIUZAMENTOS PARA A MANIFESTACIÓN DO 16 DE FEBREIRO

CONVOCATORIA / COMUNICADO DE PRENSA
A PAH chama á cidadanía galega a apoiar a mobilización social do 16 de
febreiro, que en Ourense sairá dende a Alameda ás 18:00 horas, na
que pretendemos que de xeito masivo os cidadáns e cidadás de ben
tomen as rúas para manifestar o seu apoio á Iniciativa Lexislativa
Popular que presentamos no Congreso avalada con máis do dobre de
sinaturas necesarias, máis de un millón, para poñer resposta a este
xenocidio financeiro, que é un clamor.
A cidadanía deu unha resposta social e popular ao desleixo e ineficacia
política, que nin ve nin quere solucionar o drama dos desafiuzamentos
porque está preocupada en agasallar aos bancos con cartos públicos e
en recortar servizos e dereitos. Os nosos representantes están xordos, e
hai tempo que só representan os intereses do poder bancario e
financeiro. Mentres colocan aos seus familiares en institucións públicas e
empresas con salarios millonarios e vantaxes señoriais, colocan na rúa a
centos de familias .
Esta ILP, que pide a dación en pagamento retroactiva, o alugueiro social
e unha paralización inmediata dos desafiuzamentos, é a solución clara e
inevitable ao drama da vivenda. Nós sabémolo porque afrontamos o
problema a diario, e poñemos nome e cara aos casos que para eles son
un mero expediente. Esta ILP esgota as vías que o actual sistema ofrece
para modificar unha lei: xa falamos cos bancos, cos partidos políticos,
cos Concellos e Parlamentos, cos xulgados…. sen obter resposta ou
solución, de aí que tomáramos as rendas e decidíramos avanzar neste
sentido.
Pero todo indica que o Goberno actuará arrogantemente obstaculizando
esta iniciativa, e o Congreso desbotará esta solución ao problema
porque choca cos intereses de quen os ten amarrados e amordazados:
da banca e do capital.
Se isto acontece, que non dubiden en que aumentaremos a presión
social, en que estenderemos as accións de protesta e desobediencia civil
que unha lei inxusta, inmoral e noxenta, merecen. Dende logo, non
quedaremos de brazos cruzados mentres amparan e permiten o
sufrimento de milleiros de persoas.
De aí que pidamos aos cidadáns e cidadás que amosen o seu apoio na
manifestación que convocamos. Son eles contra nós, os poderosos que
nunca se verán nesta situación, contra o pobo indefenso, contra todos e
cada un de nós que pode verse afectado.
Todos xuntos, podemos. Organizados, podemos. Enchamos as rúas para
dicirlles que non calaremos: “Se non nos deixades soñar, non vos
deixaremos durmir!”.
Palabra da PAH.

PARA O REMATE DA MANIFESTACIÓN
Cidadás e cidadáns:
Queremos transmitirvos o noso máis sincero agradecemento polo voso
apoio a esta convocatoria. Hoxe manifestámonos en Ourense e resto
de Galiza e no conxunto do estado contra unha inxustiza amparada e consentida polo Goberno de Rajoy.
A cidadanía deu unha resposta social e popular ao desleixo e ineficacia
política, que nin ve nin quere solucionar o drama dos desafiuzamentos
porque está preocupada en agasallar aos bancos con cartos públicos e
en recortar servizos e dereitos. Os nosos representantes están xordos, e
hai tempo que non representan máis que os intereses do poder bancario
e financeiro. Mentres colocan aos seus familiares en institucións públicas
e empresas con salarios millonarios e vantaxes señoriais, colocan na rúa
a centos de familias. Persoas que creron no artigo 47 da Constitución,
que creron que ninguén iría a rúa por intereses económicos quedando
desamparados polos poderes públicos, ven agora pisados os dereitos
gañados co sangue e o suor do pobo e da clase traballadora.
A PAH, formada por cidadáns e cidadás anónimos, solidarios e sensibles
ao problema que outros ignoran dende os seus despachos, presentou no
Congreso dos Deputados unha Iniciativa Lexislativa Popular que con esta
manifestación estamos a apoiar, e que ven avalada con máis dun millón
de sinaturas,das cales 2.325 foron recollidas en Ourense porSTOP

DESAFIUZAMENTOS OURENSE E AAO15m.
Esta ILP pide a dación en pagamento retroactiva, o alugueiro social e
unha paralización inmediata dos desafiuzamentos. É a solución clara e
inevitable ao drama da vivenda, e nós sabémolo porque enfrontamos o
problema a diario, e poñemos nome e cara aos casos que para eles son
un mero expediente. Esta ILP esgota as vías que o actual sistema ofrece
para modificar unha lei: xa falamos cos bancos, cos partidos políticos,
cos Concellos e Parlamentos, cos xulgados…. sen obter resposta ou
solución, de aí que tomáramos as rendas e decidíramos avanzar neste
sentido.
Pero todo indica que o Goberno actuará arrogantemente obstaculizando
esta iniciativa, e que o Congreso desbotará esta solución ao problema
porque choca cos intereses de quen os ten amarrados e amordazados a
todos: a banca e o capital. Cun goberno que se mofa das familias
afectadas dando 6000 vivendas como quen tira unhas migallas de pan
ás pombas famentas, e cunha oposición ausente e cómplice que cando
gobernaba miraba para outro lado e que agora pretende abandeirar esta
loita, só temos a opción de plantar cara e loitar.
Pero se realmente se atreven a non escoitarnos, que non dubiden en que
aumentaremos a presión social, en que estenderemos as accións de
protesta e desobediencia civil que unha lei inxusta, inmoral e noxenta,
merecen. Dende logo, non quedaremos de brazos cruzados mentres
amparan e permiten o sufrimento de milleiros de persoas.
A PAH naceu hai uns anos coa intención de frear este abuso. Levamos
parados 523 desafiuzamentos en España e seguiremos a loitar ata que
consigamos o noso obxectivo: poñer ás persoas por diante dos intereses
empresariais. Precisamos do voso apoio, porque isto é eles contra nós,
os poderosos que nunca se verán nesta situación, contra o pobo
indefenso, contra todos e cada un de nós que pode verse afectado se
perde o emprego (cunha taxa cada vez máis alta), e non pode facer
fronte ás cotas das hipotecas porque ten que escoller entre pagar ou
comer, cando o banco pretenda quitarnos a casa, mandarnos á rúa e
volver vender o noso fogar. Ningún de nós está libre de verse nesta
situación, así que é unha loita de todos nós, do pobo, da cidadanía, da
xente. A PAH non pode soa, necesitámosvos ao noso lado.
A PAH só vai parar cando consigamos o noso lexítimo obxectivo. Somos
cidadáns con dereitos, non súbditos submisos, non somos mercadorías
senón persoas. Poderán criminalizar as nosas protestas, desprestixiar
estas accións, reprimir con violencia, pero iso non lles dará a razón,
porque a razón está da nosa parte e protestaremos ata que cumpran o
artigo 47 da Constitución que tanto defenden e tanto incumpren, e que
consagra o dereito á vivenda para todas e todos.
Por todo iso, animámosvos a non deixar de loitar e a non calar. Non
renunciedes ao que non poden controlar: á nosa liberdade de expresión
e capacidade de rebeldía, porque unha lei inxusta merece unha resposta
xusta e contundente. Porque todos xuntos, podemos. Organizados,
podemos. Coa PAH, podemos. Que non esquezan unha premisa: “Se non
nos deixades soñar, non vos deixaremos durmir!!”. Palabra da PAH.

Os comentários estão desativados.