Manifesto 12 de Outubro do 2012

O sistema é un marido maltratador.

O sistema fainos crer que somos especiais, quérenos, pensamos que podemos ser felices con el. Despois, aos poucos, vainos dicindo: vivías por riba das túas posibilidades, o estado do benestar é insostible, a débeda é a nosa responsabilidade e temos que pagala, hai que calmar aos mercados, abaratar o despido xenera emprego… E nós cremos e baixamos a cabeza.

E logo comezan os golpes: aumenta a pobreza infantil, desaparecen médicos e mestres, desaparece o traballo, quen traballa gaña menos, aniquilan dereitos de todas que tardaron décadas en ser conseguidos. E nós baixamos a cabeza, e sentímonos culpables. Mirámonos a nós mesmas con desconfianza. Aínda cremos que nos merecemos o que nos está á pasar. Coma se un Deus/Troika baixara a castigarnos: Ahhhhhh compraras un piso… aaaahhhh tiñas un traballo fixo…. agora vas saber o que é bo! Prepárate para o austericidio pecador impuro.

E nós cremos que é hora de levantar o teléfono. É hora de abandonar esa casa na que se nos maltrata, na que non podemos vivir dignamente. É hora de crer que hai outro sistema. Un sistema que poña por riba ás persoas e os seus dereitos. Un sistema no que o 99% lle plante cara ao 1%. É hora dun pais, dun mundo no que a xente mande. No que o pobo gañe. E ademais cremos que é posible. Coñecemos outros casos, outros países nos que se fixo. Non é un disparate.

Pero temos que dar o paso. Temos que coller as chaves e abrir a porta para marchar. E a porta que non nos deixa saír chámase débeda. DÉBEDA. Nós chamámoslle Débeda Odiosa. Débeda ilexítima. Porque esta débeda, non é nosa. Nosa é só unha pequena parte. E queremos que se demostre. Queremos unha auditoría cidadá da débeda. Menos homes de negro e máis procesos democráticos. Queremos á xente controlando o diñeiro que se debe. E só nos faremos cargo, como cidadáns, da parte que nos corresponde.

Por que berramos culpables cando pasamos diante dos bancos?. Porque berramos a nosa solución os banqueiros a prisión? Porque berramos esta crise non a pagamos. É polos 255.000 millóns de € que se lle están a dar á banca para tapar as súas perdas no casino financeiro. Ese diñeiro é noso e ten que ser devolto. Eses cartos xeneran un déficit brutal, unha débeda odiosa. Débeda que queren pagar recortando os nosos dereitos, a nosa condición humana. Condenándonos á miseria. É isto xusto? En verdade pensan que o imos aturar?

Hai que recompoñer as nosas vidas, apostar por un futuro para a sociedade. Esta débeda non a pagamos. Hai que rematar coa pobreza, coa miseria, co paro, coa fame do país. Esta débeda non a pagamos. Hai que limpar as institucións de corrupción. A Todas. Hai que sacar aos lobbistas dos parlamentos. Hai que recompoñer a democracia. Esta débeda non a pagamos. Poñer o diñeiro de todas ao servizo de todas e non só duns poucos. Esta débeda non a pagamos.

E que está a facer o sistema no lugar disto. Criminaliza ao pobo, o reprime, o intoxica, o ameaza, infíltrase nas súas demostracións pacíficas de desconformidade… Como se fai nun auténtico estado democrático de dereito.

É por iso que non nos representan. Non nos pode representar un estado bipartidista que reforma a constitución para privatizar os nosos impostos. Que antepón por lei o pago a un banqueiro alemán por diante dos servizos básicos para atender ás necesidades da poboación. O goberno español está actuando con valentía, aplicando reformas estruturais de calado. Dinos a troika. Valentía? Valentía contra quen. Contra o seu propio pobo? Non señores da Troika non. Iso nas nosas casas chámase COBARDÍA. Así que, usando as verbas das nosas irmas portuguesas berramos: QUE SE LIXE A TROIKA. TROIKA, VAI Á MERDA. Aquí tes ao pobo unido. Que non dá un paso atrás. Que sí é valente e plántase contra a codicia e a inmundicia dos banqueiros gobernantes. Aquí nos tes TROIKA. Estamos preparadas para facerche unha reforma estrutural de calado cando queiras.

Os comentários estão desativados.