O próximo sábado 13 de outubro imos saír á rúa cazola en man en centos de cidades de todo o mundo (http://www.globalnoise.net/), para mostrar a nosa repulsa ante as desigualdades e a opresión dun sistema inxusto que pon ao capital por diante das persoas.
Rexeitamos o pago duna débeda ilexítima e odiosa, que non é nosa nin nos ten beneficiado. Máis do 80% do total da débeda española é débeda privada, principalmente en mans da banca e as grandes empresas, que a xeraron obtendo enormes beneficios.
Coas axudas do estado á banca, 215.000 millóns de euros ata xuño de 2012, aos que hai que sumar os 100.000 do novo préstamo europeo, esta débeda privada estase convertindo en débeda pública e o seu pago se nos impón a todas con recortes e privacións.
Estas axudas, sumadas aos 402 mil millóns que a banca recibiu do Banco Central Europeo, non están a servir para reactivar o crédito a empresas e familias como nos di o goberno. ¡Mentira! O diñeiro que se nos quita dos nosos servizos públicos e prestacións sociais, que nunca será devolto, estase a utilizar para tapar os seus buratos, para que a gran banca faga negocio e para que sigan especulando comprando débeda pública española.
Isto non é novo. As políticas que hoxe se nos impoñen son as mesmas políticas de “axuste estrutural” que se aplicaron hai máis de 30 años nos países do Sur, coa escusa da débeda, que impulsaron recortes, privatizacións, desregulacións e liberalizacións, seguindo a mesma lóxica de convertelo todo en mercadoría coa que facer negocio e obter o máximo beneficio económico.
Fronte a este ataque das oligarquías financeiras e empresariais que se produce coa conivencia de gobernos e institucións internacionais, a nosa loita non se pode limitar a defender os dereitos e liberdades cidadás logrados nas últimas décadas e que están sendo socavados polas actuais políticas “anti-crise”; é imprescindible emprender unha fonda transformación social, política e económica cara un modelo xusto e sostible.
Por iso, o 13 de outubro sairemos á rúa a dicir que esta é unha débeda ilexítima e odiosa, e que non estamos dispostos a pagala. Saímos á rúa a dicir ¡NON DEBEMOS, NON PAGAMOS! Saímos a dicirlles que non aceptamos pagar a súa débeda, non aos recortes en sanidade, educación e prestacións sociais. Non ás privatizacións, non ás reformas laborais e ao desemprego, non aos privilexios económicos, non á especulación coa vivenda, non aos rescates e non a un goberno e unha Unión Europea ao servizo da banca e das grandes empresas.
Esiximos a realización dunha auditoría da débeda e o repudio do pago de toda aquela débeda que se considere ilexítima por non ter repercutido en beneficio da cidadanía; esiximos a determinación de responsabilidades civís e penais aos xestores políticos e económicos que xeraron a débeda ilexítima; esiximos a creación dunha banca pública ao servizo das persoas e a sociedade e non sometida a intereses particulares; esiximos a redistribución da riqueza por medio dun sistema fiscal progresivo e xusto que grave máis a quen máis ten; esiximos a persecución do fraude fiscal e a prohibición de operar en paraísos fiscais ata conquerir o seu peche.
Tamén esiximos o cese inmediato de privatizacións e recortes, e o desenvolvemento duns servizos públicos suficientes que garantan a cobertura das necesidades de toda a poboación; esiximos a
regulación inmediata do mercado inmobiliario para acabar coa especulación; esiximos a dación en pago, a moratoria dos desafiuzamentos e a reconversión de pisos hipotecados e baleiros en aluguer social asequible; esiximos a anulación da reforma laboral e a creación dun novo marco laboral que protexa os dereitos das persoas traballadoras; esiximos a derogación dos tratados e pactos que constitúen a Unión Europea das grandes empresas e bancos, así como a construción duna Europa social e democrática…
Sabemos que a loita é o único camiño. Só dende nós mesmas, de nosas loitas e reivindicacións pódese xerar o cambio, onde demos unha viraxe absoluta aos modelos políticos e económicos que se nos impoñen. É o momento de unir todas as loitas nunha, de saír á rúa a pelexar por un mundo mellor que poña no centro a solidariedade entre as persoas e os pobos, a igualdade, a xustiza social, os dereitos humáns e a vida.