Sr. Baltar, vostede non é un cacique bo.
Vostede é un político ineficaz e pouco valente. (podería dicirse “Sr. Baltar, vostede non é un político bo… Nin sequera político. É un cacique ineficaz e pouco valente”. Pero como vexades, é a miña opinión.)
Ineficaz porque os seus 20 anos de xestión ao mando da Deputación de Ourense e os millóns de euros que pasaron polas súas mans non valeron nada máis que para afundir a provincia en todos os indicadores de benestar posibles: económicos, laborais, sociais e demográficos. E tamén nuns indicadores pouco cuantificables: o da calidade democrática e o da confianza que os cidadáns teñen nas súas institucións.
Pouco valente, porque o que Ourense precisa son políticos dispostos a dicir que non, cando un amigo entra pola porta do seu despacho. Políticos dispostos a antepoñer o servizo do ben común, ao amiguismo, ao enchufismo e ao nepotismo. Responsables públicos que saiban que non é preciso facer esa piscina ou esa parada de autobús. Servidores públicos que prioricen os investimentos reais que a provincia precisa por riba das esaxeradas contratacións de persoal que son usadas coa única finalidade de aumentar o número de fieis e caladiños ao seu redor.
Entendemos esta homenaxe. A dos seus amigos, a do seu partido. A dos seus familiares aos que coloca sen nengún tipo de aval profesional. A dos concellos que sofreron presións para recoller as invitacións.
Os submisos ás súas manipulacións teñen que estarlle ben agradecidos.
As porcentaxes do voto ao PP en Ourense son a envexa doutros territorios. Vostede presume diso as noites electorais a golpe de trombón e tamén o fixo en noites de coitelos longos en Monte Pío a golpe de cartafol baixo o brazo.
Mais, é esta unha homenaxe de Ourense a Baltar? Como se apuran a bautizala os organizadores? Imposible. Non poden vostedes apropiarse do nome dunha provincia que é de tod@s para realizar esta homenaxe. Non, porque Ourense somos tod@s. Si, señores do Partido Popular. Tamén esta cidadanía indignada coa súa falta de vergoña somos ourensáns. E non somos os únicos. Miles de persoas da provincia sinten desprezo por esta caste política, que non é exclusiva do partido ao que pertence o Sr. Baltar.
O noso esforzo, convocando aquí este acto, é facerlle ver que estamos a comezar a ser merecentes dunha nova maneira de xestionar a cousa pública. A política é unha arte noble e non pasa, en ningún dos casos, por exercer o control da sociedade e das persoas particulares, mediante a coacción e a concesión de favores persoais a amigos, veciños e axentes políticos. Favores pagados cun diñeiro que é de todas e todos.
Sr. Baltar, a súa historia política, que agardamos hoxe remate, só nos ensinou unha cousa: aquilo que non se debe facer.
Sería un síntoma de rexeneración democrática a inmediata investigación, proceso e condena das súas tramas clientelares, da súa corrupción, da ausencia de criterios obxectivos e a total falta de transparencia na adxudicación de contratos, licencias e prazas públicas.Reclamamos para iso a intervención da Fiscalía Anticorrupción.
Por iso berramos
!!! STOP NEPOTISMO!!! DEMOCRACIA REAL XA!!!!!!!!!!!)