CONCENTRACIÓN – LUME NUNCA MÁIS – 2 DE ABRIL DE 2012 – OURENSE

CONCENTRACIÓN – LUME NUNCA MÁIS – 2 DE ABRIL DE 2012 – OURENSE

Manifesto Asemblea Aberta de Ourense:

Estamos aquí, hoxe, de novo, para manifestar a nosa repulsa e a nosa dor polos lumes que asolan á nosa terra, para preguntarnos e preguntarlles aos que nos gobernan cantos seres sentintes han de perder a vida, cantas hectáreas máis deberán arder antes de asumir a situación de emerxencia, antes de levar á práctica as accións necesarias para protexer o noso fogar, o noso sustento que é a terra que pisamos, que son os bosques que nos protexen e nos marabillan.

Non podemos seguir tolerando esta inoperancia interesada, na que o beneficio duns poucos sexa a máxima moral, na que a herdanza dos nosos ancestros e ancestras sexa devorada pola codicia dos imbéciles e escuros.

Por iso vimos aquí para preguntarlles onde estaban as medidas de prevención dada a situación climática que padecemos.

O pobo vixila, o pobo está atento, denuncia e comunica. Pero a impotencia cunde ante o desmantelamento de brigadas, a non sustitución de baixas e xubilacións, a infrautilización de medios que quedan parados nos garaxes.

Onde está o Plano de prevención e emerxencia? Onde e cando as reunións dos Distritos Forestais para reflexionar sobre os erros, mellorar a operatividade e coordenar o funcionamento dos propios medios?

Aquí estivemos o ano pasado no que especialmente a nosa provincia foi a máis afectada de todo o Estado, con perdas de centos de millóns de euros, na que foron arrasadas zonas de alto valor medio-ambiental, na que aínda se está a esperar polo plan de recuperación-restauración das zonas afectadas.

Hoxe está a arder un dos bosques atánticos máis importantes de Europa, no que a beleza e a abundancia de biodiversidade era espléndida, do que da súa xenerosidade se nutría toda unha comarca, un paradiso que a Terra Nai tardou en esculpir miles de anos e que nunhas poucas horas desapareceu debido aos intereses duns poucos e a inoperancia dos seus cómplices.

Cómplices, si, por desmantelar a base de Queixeiro e non facer acudir as brigadas a tempo: Eses son vostedes, o goberno galego. Vostedes están incursos nun grave delito de neglixencia criminal.

Ou é que de todas as persoas que compoñen as dúas Consellerías con competencia no tema non houbo ninguén a quen se lle ocorrese elaborar un protocolo de actuación en casos como iste ?

Parece que lles da igual, semella que a terra que pisamos e nos sustenta lles trae ao pairo.  O seu desleixo danos noxo!

Por iso esiximos responsabilidades civís e penais. A dimisión dos responsables, sí. Pero iso non é dabondo: deben pagar polos delitos cometidos, tanto os autores materiais dos feitos (eses criminais que prenden lume á nosa terra) coma os membros da administración, que deberían facer o seu traballo e non o fan!

Son cómplices absolutos da traxedia ecolóxica na que nos sumimos.

Cómpre ter os ollos ben abertos e mirar ao redor neste asunto. A quen beneficia o lume?

Queimar as Fragas do Eume e rebaixar o seu grande valor natural beneficia a moitos intereses:

1-Proxecto de Celulosa nas Pontes. Precisa dun área de eucaliptos próxima, e as Fragas do Eume son unha zona húmida onde terían un gran crecemento. O sector madeireiro leva anos comprando parcelas na zona.

2-Plano de Restauración da Mina das Pontes. Segundo o proxecto é imposible evitar as filtracións de carbón e metais pesados que producen contaminación contínua no río Eume. Ao ser un espazo protexido tan valioso hai posibilidades de que haxa que pagar elevadas sancións.

3-Minas de andalucita. Proxecto mineiro dunha empresa de capital inglés e surafricano ao carón das Fragas do Eume que provocaría un grande impacto neste espazo natural.

4-Proxeto de novo encoro no Eume. O aproveitamento hidroelétrico do Eume para Endesa vai camuflado no finanzamento da clausura da mina das Pontes.

Pero nós, a poboación civil sabemos  organizarnos. Este luns 2 de abril ás 20h constituirase a Plataforma pola defensa das Fragas do Eume, en Pontedeume para esixir as responsabildades penais e políticas por este magno desastre.

Estamos na rúa e seguiremos estando.

Por Abelenda das Penas en Carballeda de Avia, por Venceáns no Parque do Xurés, polo Arbolado de Pitón en Vilamarín, por Sampaio de Arauxo en Lobios, por Armental na Peroxa, por Monterrei en Verín, por San Milán en Cualedro, por Baños de Molgas… polas FRAGAS DO EUME.

Estamos con vós.

NON ESQUECEMOS, NON PERDOAMOS!

CONSELLEIRA DEMISIÓN!

Os comentários estão desativados.