Comunicado de rexeitamento sobre o acontecido en Valencia

Os feitos que se veñen sucedendo en Valencia nos últimos cinco días superan a barreira do humanamente aceptable. Quen lle ía dicir ao alunado do IES Lluis Vives que a súa protesta pacífica contra uns recortes orzamentarios que deixaron o seu centro sen calefacción, con cortes de luz e escaseza de materiais educativos ía desencadear unha vaga de brutalidade policial e cinismo político como non se vía dende os tempos do franquismo, como afirmaron xa algunhas das persoas de máis idade que se sumaron ás mobilizacións dos seguintes días.

Tras cinco días de protestas, cargas policiais indiscriminadas, e ignorancia dos principios básicos que defenden ás persoas, e máis aos menores de idade, o reconto é como sigue:

  • As persoas detidas xa son máis de 40, polo menos cinco menores, segundo El País. Só na xornada de hoxe, foron polo menos 21 persoas detidas e decenas de feridos, recolle Periodismo Humano. Na estación de Renfe, onde intentaron refuxiarase moitos manifestantes, a Policía entrou por ámbalas dúas portas, cargando contra nenas e nenos de non máis de 14 anos. Hai tamén probas gráficas de que houbo Policía no interior das instalacións do Lluis Vives.
  • Polo menos tres xornalistas foron agredidos polos antidisturbios mentres realizaban o seu traballo.

    • Case 44.000 persoas -no momento de escribir estas liñas- asinaron, en escasas horas, a petición en Actuable pedindo a dimisión da delegada do Goberno en Valencia, Paula Sánchez de León.
  • Chegan testemuñas case increibles a través de persoas que viviron as consecuencias da brutalidade policial. Onte pola noite, nun programa da Cadena Ser, un médico de urxencias de Valencia informaba de que, á saída das curas, a Policía requisaba ás persoas feridas o parte de lesións, levando as copias confidenciais que conservan os médicos.

Por todo isto, e por infinidade de abusos máis perpetrados polos que ostentan o poder, físico, verbal ou político e que din representarnos e protexernos, dende Ourense denunciamos e esiximos:

  • O cese inmediato da persecución violenta e delitos contra os dereitos da cidadanía valenciá.
  • A dimisión dos responsables políticos desta actuación inadmisible.
  • A depuración de responsabilidades dentro da propia Policía Nacional. Que se investigue a actuación das e dos antidisturbios e se lles castigue en consecuencia.

Non podemos permitir nin tolerar que se ataque cobardemente a menores de idade e persoas maiores indefensas, a cidadáns que simplemente estaban na zona, aleatoriamente, indiscriminadamente, sen razón ningunha, sen humanidade e exercendo o poder violentamente. Contra estudantes menores de idade. Isto non é Policía Nacional. É unha vergoña universal. Ese centenar de rapaces e rapazas do IES Lluis Vives son o futuro de todas e todos nós. E están a reprimirlles brutalmente por reclamar unhas condicións materiais dignas no seu centro de ensino.

Non podemos seguir en silencio. A indiferenza tampouco é admisible, nin por parte da cidadanía, nin pola dos poderes políticos e o seu organismo represor, a Policía. É preciso reaccionar e insistir ata que sexa necesario.

Poderían denunciarse moitas máis cousas e reivindicar moitas outras. Pero o tempo apremia e a represión continúa.

Para a xente do IES Lluis Vives, enviamos todo o noso apoio, solidariedade, admiración. Porque tedes o valor de loitar polo voso, porque deixades claro que xa non tedes medo, e que ninguén debería telo. Hoxe sodes un exemplo para todo o mundo, e é un orgullo que o futuro estea nas vosas mans. En Ourense estamos con vós. E en moitos lugares máis.

Se nos tocan a un, tócanos a tod@s!!!!!

Tod@s somos o Lluis Vives!!!

Sumamonos pola presente ao comunicado suscrito en Compostela.

 

   

Os comentários estão desativados.