Manifesto 15O

Xa estamos fartos.

Xa non estamos acampados. Xa non estamos indignados. Xa non estamos asustados.

O que estamos é fartos.

Porque hai seis meses que nos botamos ás prazas para reclamar un cambio, para reclamar os nosos dereitos máis básicos, e despois de medio ano de accións e movilizacións, as nosas propostas seguen a ser ignoradas. Os nosos argumentos, ridiculizados. As nosas queixas carecen de importancia. As nosas ideas son terxiversadas e manipuladas para servir de guinda de plans e outras mentiras electorais que seguen sen atacar a raiz do problema. Atónitos, observamos como as cousas cambian ¡Para peor!

Por iso estamos fartas.

E sen embargo, algo estamos a facer ben, algo ten que estar a pasar para que xente de todo o mundo se estea a manifestar, o mesmo ca nós, polos mesmos motivos ca nós, neste mesmo momento.

Hoxe estamos a facer historia. Hoxe é o día no que o planeta ten unha sóa voz, reclamando un cambio global.

Hoxe é o día no que todo cambia.

¡Benvidos á primeira manifestación global da historia da humanidade!

Os dereitos do pobo son deberes para os gobernos. Estes dereitos non son arbitrarios, obedecen a necesidades básicas: alimentación, vivenda, sanidade, xustiza, educación. E un sistema que non garante estes dereitos, non esta a cumprir co seu deber.

E polo tanto, debe cambiar.

Aquí, neste país, segundo a nosa Constitución, temos o dereito e o deber de traballar, con libre elección de profesión e oficio, con un soldo digno e suficiente, sen discriminación no posto de traballo por idade ou sexo. O estado ten o deber constitucional de velar polo pleno emprego. E temos máis de cinco millóns de razóns, unha por persoa desempregada, demostrando o contrario. Familias enteiras no paro. Milleiros de persoas traballando en condicións precarias, en traballos que non teñen que ver co que estudaron. Dereitos dos traballadores vulnerados por sistema. Corenta e cinco por cento de desemprego xuvenil. Que a nosa xuventude teña que marchar a traballar ó estranxeiro outra vez, é unha vergoña. ¿Imos permitir iso?

Temos dereito a unha educación libre, e gratuíta, e sen embargo continúanse a facer recortes de gasto en educación, recortes que provocan falta de docentes, aulas masificadas, que diminúen a calidade da educación que están a recibir as nosas fillas, os nosos fillos, o noso futuro. Unha porcentaxe de abandono escolar do 31%, máis do dobre da media europea, e crecendo. O noso sistema educativo agoniza ¿Imos permitir isto?

Temos dereito a unha vivenda digna e adecuada, e sen embargo, cada día hai novos desafiuzamentos: familias enteiras que non poden pagar as súas hipotecas, que se ven na rúa, coas súas vivendas embargadas polo banco, e aínda así, obrigados a seguir pagando unha débeda que afoga. Hipotecas desproporcionadas que atan, e que arrastran coma cadeas de papel, froito da especulación dos mercados. Especulación que os poderes públicos teñen a obriga de evitar, tal e como se recolle no mesmo artigo da constitución que garante o noso dereito a unha vivenda digna e adecuada. ¿Imos permitir isto?

A lista do que esta mal, do que non funciona, do que é intolerable, é infinita. Os poderes públicos ignoran as necesidades da poboación, para converterse en títeres da industria e dos mercados, de aqueles que se aproveitan dun sistema corrupto e defectuoso para seguir gañando cada vez máis, a costa das nosas liberdades. A costa do noso futuro. Os gobernos abandonan ao seu pobo para rescatar ós bancos que nos meteron nesta crise, que se quedan cos aforros pasados e futuros das familias, coas súas casas. As multinacionais abusan sistematicamente dos países máis pobres, explotando o seu habitat para atender as necesidades do primeiro mundo, e inda encima disfrazando estes abusos de regalos e axudas para o desenvolvemento. O un por cento da poboación atesoura o noventa por cento da riqueza, a costa do noventa e nove por cento restante. A costa de nós.

O planeta enteiro convertido nunha xigantesca máquina de consumo deseñada para manter os privilexios dos poderosos, sen importar o custe humano ou ecolóxico.

O planeta enteiro nunha espiral descendente que se non cambia, so pode rematar en destrución.

Basta xa de escusas, basta xa de mentiras. Basta xa de dicir que a solución á crise esta á volta da esquina, porque non é certo. Levamos anos así, cada vez imos a peor: Isto non é unha crise, é un fallo terminal do sistema.

Están atentando contra as nosas liberdades. Contra a liberdade para decidir como queremos vivir as nosas vidas. É un atentado contra a nosa soberanía. E isto ten que cambiar.

Isto cambia hoxe.

Hoxe, esiximos ós poderes políticos, militares, xurídicos e económicos que se poñan ó servizo do pobo, coma é o seu deber, e a razón da súa existencia, inda que tenten que nos esquezamos. Inda que tenten facernos crer que é o contrario.

Hoxe é o día no que a humanidade enteira une a súa voz para reclamar o noso dereito a decidir sobre o noso futuro.

Reclamamos unha soberanía política, que garanta unha democracia real, directa, e participativa. Que garanta o dereito á participación da cidadanía na toma de decisións políticas por medio de referendos e sistemas seguros de voto electrónico. Transparencia inmediata e absoluta das administracións e dos poderes públicos. Separación real dos poderes. Que se use a tecnoloxía do século vinteún para crear un sistema acorde coas necesidades do século vinteún, en vez de seguir ancorados nun sistema obsoleto feito á medida das necesidades do século pasado.

Reclamamos unha soberanía económica, garantindo unha banca publica que protexa os intereses de todas as persoas. A dación en pago nos créditos hipotecarios. Control das transaccións nacionais e internacionais e desaparición dos paraísos fiscais e dos privilexios dos grandes capitais para poder rematar coa especulación e a evasión de impostos. Criterios de comercio xusto e de produción enerxética baseados en valores éticos e sostibles polo medio ambiente, en vez de unicamente no aumento do beneficio.

Reclamamos unha soberanía alimentaria que garanta o dereito dos pobos a definir políticas de produción de alimentos que sexan axeitadas ás súas necesidades, características e culturas, que garantan o libre acceso á terra, á auga potable e de rego, ás sementes non modificadas xeneticamente, e á conservación da súa natural biodiversidade. Que non destrúa, que non se escravice a un pobo para convertelo na despensa de outro.

Reclamamos unha soberanía cultural que respecte e protexa as identidades culturais dos pobos dentro dun mundo global e multicultural. Que garanta o libre acceso á información e a unha educación libre, de calidade e gratuíta a todos os niveis para todas as persoas do planeta. Que asegure o libre acceso ás novas tecnoloxías, e que manteña á creación cultural e ós medios de comunicación independentes e libres da manipulación dos poderes públicos. Liberdade para pensar e para expresarse.

Reclamamos unha soberanía social, que defenda ós individuos e ás comunidades por igual, que garanta os seus dereitos e deberes, independentemente de sexo, raza, condición social ou económica. Independentemente da súa orientación sexual, relixiosa ou ideolóxica.

Hoxe é o día no que a humanidade enteira preguntase se ¿É este o mundo que queremos para as nosas fillas? ¿Para os nosos fillos?

E a resposta é que non.

Que non o imos permitir.

Isto é unha advertencia. A esa clase política que vive completamente alonxada da realidade do seu pobo. A eses cargos públicos que teñen unha pensión máis que suficiente tras só sete anos de non facer o seu traballo. A eses partidos que xogan co noso futuro, pasándose a pelota do poder entre eles, e que se permiten cambiar as leis electorais para evitar que poida xurdir alguén novo que lles quite o pastel.

A todos os que conforman e manteñen este sistema tan podre e profundamente equivocado que só pode acabar mal.

Non imos parar. Faremos todo o que sexa necesario para acadar o cambio que necesitamos para asegurar a nosa supervivencia.

Para que os nosos fillos, para que as nosas fillas,  teñan dereito a soñar, e a cumprir os seus soños.

Por que non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros.

Por que non nos representan.

Cambio Global Xa.

Os comentários estão desativados.