Convocatoria

Convocatoria da cidadanía para unha Concentración-MANIFESTACIÓN en contra dos incendios forestais e en solidariedade coas zonas afectadas e os traballadores e traballadoras dos servizos forestais.

Iniciativa tomada en asemblea o pasado día 20 de outubro dada a situación pola que están pasando por enésima vez os montes de Galicia e con especial incidencia os ecosistemas da provincia de Ourense.

Esta situación anacrónica, de desleixo por parte dos gobernantes, de falla de reacción, de ocultación manifesta da realidade mediante mentiras e enganos por parte do actual Goberno da Xunta de Galicia, por dignidade e como reacción diante da destrución dunha boa parte do patrimonio natural con que contamos.

As perdas económicas, ecolóxicas e sociais que os lumes producen nos nosos montes fai que nos INDIGNEMOS esta indignación consideramos que ten que producir unha REACCIÓN, reacción que non se produciu por parte dos responsables da política forestal do País. O Presidente da Xunta de Galicia ausente e de excursión en Sudamérica recollendo votos e facendo declaracións que oxalá aplicara co Goberno que preside “Hace falta un Gobierno que gestione la verdad, diga le verdad y gestione la realidad…” o máximo representante da Xunta de Galicia en Ourense no Bernabeu vendo un partido da “Champions League”, o Presidente da Deputación “nin arre, nin so” en silencio, a maioría dos alcaldes dos concellos onde se calcinaron amplas superficies de montes ninguén os viu con desleixo manifesta das súas obrigas, todo elo demostración dunha total falla de ética e de principios básicos que todo servidor público ten que poñer en práctica.

A INDIGNACIÓN fixo que se creara esta Plataforma Cidadá en Defensa do Monte Galego e que tomaramos a decisión de convocar aos veciños e veciñas de Ourense a manifestarse contra a desfeita que os incendios forestais están producindo nos nosos montes e nos nosos ecosistemas.

MANIFESTACIÓN, sábado día 22 de outubro de 2011

LEMA: Lume, Nunca Máis. O Noso Monte Importa

LUGAR, Parque San Lázaro ás 19 horas até a Praza Maior de Ourense

Serra do Xurés, Serra de Queixa, Montes do Invernadeiro, Manzaneda, Ribeira Sacra, O Faro de Avión, Serra Martiñá, Serra de Pena Monteagudo, O Castro Leboreiro, Serra de Meda, Aguioncha-Pena Loba, Serra da Enciña e a Lastra, Pena Corneira, Penedos da Raiña Loba, O Couto Mixto, Val de Salas, Veigas de Castelaus e Vila, Montes da Peroxa, A Limia, Monte Grande, Pena Maseira, A Serra Seca, San Mamede, Couto Novelle, A Rousia-Serra do Larouco…innumerables o lugares afectados polos incendios, Espazos naturais protexidos, Parques naturais, Lugares de Interese Natural Comunitario (LICs), Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPAS), Reservas da Biosfera, ecosistemas forestais de gran valor económico e medio ambiental, zonas agrogandeiras, moitos dos incendios forestais calcinaron estas zonas de forma descontrolada por falla de medios e de reacción ao seu debido tempo.

Quen minte engana, quen engana minte” o día 18 a noite o Sr. Conselleiro do Medio Rural Samuel Juárez decía: que en Galicia “solo quedan 12 fuegos activos de estos en Ourense 10”. Decirlle ao Sr. Conselleiro que o día 18 de outubro, con testemuñas e documentación gráfica, nun radio de 10 quilómetros só no Val de Salas-Couto Mixto había 8 incendios activos todos eles fóra de control e con medios actuando en só dous dos lumes activos. Unha boa parte do val de Salas calcinado en poucas horas, a estes incendios da Raia hai que sumarlle no mesmo día e fóra de control os grandes incendios da Serra de San Mamede, Serra de Queixa, Manzaneda, Serra do Xurés, Montes da Peroxa, Pereiro de Aguiar, Faro de Avión…agochar a realidade mediante mentiras para evitar as responsabilidades que non se queren asumir, e demostración de covardía, de falta de principios éticos e morais, “gestionar la verdad, decir la verdad, gestionar la realidad…”.

Centos de incendios forestais, miles de hectáreas calcinadas, centos de millóns de euros perdidos en produtos primarios e en produtos totais (valoremos a paisaxe, o aire que respiramos, a auga que bebemos, a caza, a pesca, as múltiples e variadas funcións dos montes e bosques, cultura, etnografía, turismo rural…) unha perda económica, ecolóxica e social que a sociedade non se pode permitir, perdas que afondan aínda máis na falla de alternativas da provincia de Ourense.

Miles de hectáreas calcinadas cos servizos forestais da Xunta de Galicia Baixo mínimos por incompetencia e desleixo dos responsables da Xunta de Galicia, baixas e xubilacións sen cubrir de brigadistas, axentes forestais, autobombistas…Distritos Forestais sen unha soa caseta de vixiancia de incendios en activo, brigadas forestais con un só compoñente (teñen que ter unha media de 5-7 brigadistas). Índice diario de risco de incendios extremo (IRDI) con menos do 40% do persoal de reforzo do verán (no verán con índice Baixo e moderado co 100% do persoal), os xestores públicos forestais aínda non se decataron que os incendios forestais “non teñen data fixa no calendario”.

Esta Plataforma Cidadá en Defensa do Monte Galego, ESIXE:

Información puntual dos incendios forestais que se producen en Galicia, dos seus efectos, superficies afectadas e dos medios usados para a súa extinción. A sociedade actual debe de ser informada do que acontece nos montes, dos atentados contra o noso patrimonio natural, fuxindo de sensacionalismos e alarmismos “agochar a realidade non axuda a solucionar o problema”.

A falla de información, o silencio premeditado e o engano son un insulto para o conxunto da sociedade, un insulto para os traballadores e traballadoras forestais de Galicia que arriscan a súa vida na conservación do noso patrimonio, a estratexia política de desinformación, mentiras e manipulación estadística fai que o conxunto da sociedade non valore na súa xusta medida o traballo realizado polos profesionais forestais.

Débese rematar coa impunidade con que actúan os incendiarios. A cada un dos lumes forestais (delito recollido no Código Penal) débeselle por nome e apelidos. Investigación das causas dos incendios aproveitando tódolos recursos con que contan as Administracións Públicas mediante a elaboración dun protocolo axeitado que coordine ás forzas de orde pública cos servizos forestais. Queremos lembrar que unha boa parte das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais integradas por axentes forestais foron desmanteladas polo actual Goberno da Xunta.

É un problema de delincuencia e de orde pública, hai unha alta intencionalidade…” declaracións do Director Xeral de Montes, do Conselleiro do Medio Rural, do Presidente da Xunta…é certa a intencionalidade, é certa a actividade incendiaria, mais o triste é que o actual Goberno da Xunta de Galicia igual que os anteriores gobernos, diante dos apuros bombeiriles de última hora tratan mediante xustificacións valeiras de contido evitar responsabilidades, que chova canto antes, que a sociedade esqueza o problema e dada a feble memoria social a seguir xogando a unha política populista “deixar facer” sen buscar solucións.

A loucura é seguir facendo o mesmo e esperar resultados diferentes” si hai unha alta actividade incendiaria ¿Como se xustifica entón o desmantelamento das brigadas de investigación integradas por axentes forestais? ¿Como se xustifican as queimas controladas ao longo de todo o país? Máis de 250.000 autorizacións-comunicacións de queimas no inverno primavera para que non arda no verán (as zonas con máis queimas realizadas e onde maior foi a incidencia dos lumes estes días), incluso se chegou a queimar este ano un treito do Camiño de Santiago (Vía da Prata no Concello de Xunqueira de Ambía). Un Goberno e un País que non sabe saír da “cultura do Lume” inmersos no circulo vicioso de “máis medios, máis incendios, máis medios”.

Mapa de medios e recursos, Substitución inmediata dos medios e materiais obsoletos dos Servizos Forestais da Xunta de Galicia por equipamentos axeitados para mellorar a eficacia, a protección dos ecosistemas forestais e a protección colectiva da cidadanía.

Diante da crise provocada pola vaga incendiaria a Xunta de Galicia non foi capaz de por en funcionamento unha mínima coordinación para usar tódolos medios públicos dispoñibles, autobombas e tractores forestais dos concellos gardados en garaxes, medios materiais, técnicos e humanos da Deputación Provincial de Ourense sen usar cando frontes quilométricos de lume percorrían os montes, medios materiais e técnicos doutras consellerías da Xunta de Galicia a disposición dos Servizos Forestais (só se usaron os medios da Consellería do Medio Rural).

Posta en marcha de campañas de educación-sensibilización dirixidas ao conxunto da sociedade, “non se valora o que non se coñece” parte da sociedade vive de costas ao monte non valorando na súa xusta medida os beneficios que o patrimonio natural aporta ao país.

Estes días unha boa parte do queimado son Espazos Naturais Protexidos, curiosamente descoñecidos, infravalorados, mal xestionados…Galicia é o territorio con menos superficie protexida de toda Europa.

É preciso o cumprimento estrito da Lei de Prevención de Riscos Laborais. Posta en marcha de forma inmediata do imprescindible Plano de Prevención de Riscos Laborais nos Servizos Forestais da Xunta de Galicia e en tódalas empresas do sector.

Formación axeitada de tódolos traballadores e traballadoras que se adican a labouras de prevención e extinción de incendios forestais.

Incremento dos investimentos no sector forestal recuperando o imprescindible binomio “prevención-extinción”, débese rachar co circulo vicioso de “máis incendios, máis medios, máis incendios…” posta en marcha dunha política forestal tendente a evitar que os incendios forestais non se produzan para non ter que apagalos.

Todo o dito anteriormente non se pode acadar se non hai vontade política dos actuais gobernantes. Esiximos a actual Xunta de Galicia, igual que fixemos cos anteriores Gobernos galegos, que diante de máis de 40 anos de fracasos na loita contra os lumes forestais, correspóndelle o actual Goberno atopar canles de diálogo e participación para consensuar co resto de partidos políticos e representantes sociais unha política forestal e de prevención-extinción de incendios forestais axeitada.

O lume forestal ten que deixar de ser unha ferramenta arroxadiza duns contra outros. Medio século de fracasos dos distintos Gobernos e do conxunto da sociedade galega non se pode xustificar por máis tempo.

A nosa solidariedade coas zonas afectadas, cos veciños e veciñas que sufriron perdas e que van ter que facer fronte a atrancos para o futuro das súas explotacións agrogandeiras, forestais, negocios…Nosa solidariedade e apoio a concentración que se vai a realizar na Poboa de Trives o sábado ás 12 do mediodía. Nosa solidariedade e apoio aos profesionais forestais que se adican a prevención e extinción de incendios.

REMATAR COA EIVA INCENDIARIA É POSIBLE, PARA CONQUERILO É IMPRESCINDIBLE A COLABORACIÓN DO CONXUNTO DA SOCIEDADE, pedimos unha vez máis a vosa colaboración.

Ourense, 21 de outubro de 2011

Os comentários estão desativados.