Crónica 24J_Alba_Pazos_Oscar_Pinal |
23 de xullo. Sete da mañá. Majadahonda.
19´9 kilómetros, só quedan menos de vinte quilómetros para que a marcha indignada do noroeste chegue a Madrid. A Pablo e Xiana da acampadaourense (máis info.crónica marcha noroeste) unímonos o resto dos indignados que chegamos á capital en autobuses e coches. Comeza o último treito, a fin dun longo camiño (uns 500km) e intenso: de divulgación polas aldeas dun movemento, o 15M, que lonxe de estar esmorecendo, gaña forzas en cada proposta, en cada proxecto, a cada paso… De feito, máis que enerxía, que tivo moita nun primeiro momento, o que está sumando é razón, contidos, pequenos logros… E é que o camiño, malia que rematou en SOL, continúa e será longo porque imos amodo, porque o obxectivo é moi importante, demasiado grande pero non por iso inabarcable.
23 de xullo. Nove da mañá. Autovía da Coruña.
Os camiñantes cortan ó tráfico da Autovía A-6 dirección Madrid provocando importantes retencións. A Garda Civil encabeza a marcha que entre os seus conta con auguistas, repartidores de melón e sandía, xenerosos de galletas, portadores de lemas, nenos, carriños, bicicletas e revolucionetas. Pseudo monitores de campamentos, fotógrafos, perro flautas e perro gaitas. Miróns. Funcionarios.
23 de xullo. Dez e media da mañá. A Moncloa.
Parada estratéxica. Descanso activo. Sentada pacífica- festiva no palacio presidencial. A numerosa presenza das forzas da orde non impediu que os que formabamos parte da marcha noroeste amosáramos a nosa indignación con berros, aplausos e pancartas cara uns policías fríos e un Zapatero ausente.
23 de xullo. Once e media da mañá. Parque de Oriente.
A acampada do barrio de Chamberí e a de Moncloa reciben ós visitantes con refrescos, salgados e doces. Hai apertas, feridos de guerra leves ( más de 20 quilómetros diarios durante un mes non é pouco), bágoas, muiñeiras e bandeiras, madreñazus al sistema, valisoletanos emocionados e leoneses que queren tomar á montaña para denunciar as minas a ceo aberto. E hai licor café e empanada, cuscús e iogur de cogombro, cervexas manchadas, xornais… E eddings e cartolinas para preparar máis pancartas. Si será por pancartas, os de Ourense levabamos máis dunha por persoa! E antes de partir xuntos á praza 15M, repasamos leis, modais e compartimos respecto.
23 de xullo. Sete da tarde. Manifestación.
Galegos, casteláns e asturianos partimos cara sol. Uns frescos, as novas incorporacións, e outros derregados de tanto camiñar pero todos emocionados. Xa pola rúa Princesa e por Alberto Aguilera triplicamos o número dun principio. “Los de la acera pa´ la carretera”. Únense máis barrios de Madrid. En San Bernardo, dependentas do Día e vellos castizos veñen tamén. Pero o máis emocionante nas manifestacións de Madrid é sen dúbida camiñar pola Gran Vía, poder mudar berros de cambio por tubos de escape. “Sí, sí, sí, estamos en Madrid”.
23 de xullo. Nove da noite. SOL
Por Preciados entra a marcha popular indignada do Noroeste, amodiño. As seis columnas de indignados chegan á porta do Sol por candasúa rúa e temos que coller todos no kilómetro cero. E cabemos, e as estadas dos grandes edificios volven encherse de inmensas pancartas, e o aire de palmas abertas. “Take the square”.
23 de xullo. Dez e media da noite. Praza Maior.
Ocio indignado e cea typical spanish. “Papel de estraza cada uno para su casa”, mañá hai moito que tratar. Ah! Antes imos berrar, en silencio (00:00 horas, Sol)
24 de xullo. Once da mañá. Parque do Retiro.
Descansadas as marchas indignadas, reúnense pola mañanciña ó fresco ó redor de sete áreas de traballo.
Unha asemblea xeral posterior á comida campestre pon en común as ideas acordadas nas distintas xuntanzas e define as estratexias a marcar para o futuro do movemento (máis info.actas das distintas asembleas).
O retiro ferve, dende Cuenca a Avilés, de Jérez a Alcoy, de Santiago a Barcelona… Chegan propostas a montóns. E metas completas.
Dación en pago, costas limpas, consumo responsable, reforma da lei electoral e de pensións, educación pública, laica e de calidade, non o pacto do euro, morte ós paraísos fiscais, profundización na progresividade do sistema fiscal, paz, nin discriminación por sexo, nin por lugar de orixe, nin por ideoloxía (- énchesme a botella de auga da fonte, por favor?), non abusos de poder, dereito a que sexamos atendidos das nosas doenzas de balde, a manifestarse, a amosar o noso descontento…
Un parque grande, cheo de desexos, de fondo: o palacio de cristal…
Pero como di o Señor Pepe (que con oitenta anos veuse connosco a Madrid) parafraseando a Antonio Machado “ Si es bueno vivir, más bueno es soñar y lo mejor de todo despertar”.
24 de xullo. Seis e media da tarde. Atocha.
Máis dos que imaxinabamos. Unhas 50.000 persoas percorreron o Paseo do Prado con cánticos guerreiros. Unha vez máis, e malia ser unha fin de semana de verán, na capital escoitábanse ducias de lemas dispostos a disparar con balas de pica- pica ós corruptos, ós políticos insensatos.
Uns máis elaborados e con coreografía incluída (imposibles recordalos, invencións de DRX), outros menos ambiciosos “vuestra crisis, no la pagamos”… Están tamén os de toda a vida “el pueblo unido jamás será vencido”, e os absurdos “Illa Illa Illa, Botín hijo de puta”, os improvisados “estamos indignados y no vamos a callarnos”…
24 de xullo. Dez da noite. Sol.
De novo Sol, o destino dos que non se cansan da loita (pacífica), dos que creen que “otro mundo mejor es posible”
25 de xullo. Once da mañá. Parque do Retiro.
1º Foro Social. Profundizar sobre política, medio ambiente, feminismo, sanidade, educación, economía, cultura, espiritualidade, dereitos dos animais, traballo social… Non era ata agora normal, e menos a estas horas despois de un domingo previo a festivo, pero tomamos as prazas, os parques para o debate, para o consenso de melloras, dun xeito horizontal, fraternal. Recuperamos as asembleas. E como a vida nútrese de sorpresas, o 15 infla co apoio, co vistobo dos que saben (o Premio Nobel de Economía Joseph Stiglitz participou na Asamblea de Economía), por que hai que mollarse!