Acta da Asamblea xeral do xoves 28 de xullo.

  • 1- Lectura do orde do día e tratamento dos distintos punto que é preciso comentar. (para máis detalles ler a Orde do día do 26 de Xullo)
  • No chamamento sobre o foro interacampadas galegas, que se vai celebrar o 6 de agosto en Lugo, ofrecéronse 3 voluntarios para asistir. Unha voluntaria de Comunicación tratará na asemblea conxunta de expoñer tódolos temas relativos á comunicación e difusión de #acampadaourense (punto III do programa borrador feito por Lugo). Do punto II, caracterización das metodoloxías asemblearias encargarase o voluntario de Audovisuais. Os tres membros de #acampadaourense ( e tódolos que desexen unirse posteriormente ó evento) levarán un documento testemuñal dos participantes ourensáns na marcha indignada a Madrid para poñelo en común. Teñen dez minutos no Foro para resumir o estado do movemento na cidade, problemas e demais. Sobre o punto IV do programa, coordinación de accións conxuntas entre asembleas galegas, acordouse crear un grupo de traballo para a semana próxima para madurar ideas. O  mesmo para as propostas de acción local, malia que se barallaron varias iniciativas ( organización da manifestación do 15 de outubro, estudo dos paraísos fiscais, coloquios e asembleas en aldeas e vilas da provincia, rexeitamento a posible instalación dunha incineradora na Limia) quedouse en traballar o tema en vindeiras quedadas. Por último, a data e ubicación do seguinte Foro de Acampadas Galegas, o cuarto. Terá que ser en Ourense e escolléronse dous sábados o 17 e 24 de setembro, haberá que concretar con posterioridade.
  • As actas que xurdiron en Madrid a pasada fin de semana xa están colgadas no blog para seren debatidas o venres 29 de xullo.
  • Debátese a posibilidade de participar os últimos xoves de cada mes coas iniciativas de Masa Crítica. Tras opinións dispares, acordouse que realizaría un contacto con eles para falar da posibilidade de xerar acción conxuntas. Despois debateranse en asemblea, onde terán que ser votadas.
  • Dous persoas de Comunicacion ofrécense a traballar na rede N-1 para dende alí coordinar esforzos con outras acampadas. Xorden outras voces colaboradoras.
  • O tema do financiamento de #acampadaourense dá moito de si. Moitas opinións diversas:

Uns ven moi necesario dispor de un mínimo de cartos para o traductor ofrécese voluntario a saldar débedas mentres non se atopa unha solución.

Unha opinión di que non lle parece lícito buscar cartos, que é mellor botar man de colaboracións.

Dende a Comisión de Acción se propón a idea de facer un festival para recadar cartos.

Outra opinión di que o primeiro é decidir se aceptamos cartos e despois xa iría buscar de que xeito.

Outra  moza (1) di que non son necesarios cartos.

Un mozo propón que si que necesitamos cartos pero sempre ter un mínimo, de colchón.

Unha moza (2) tamén está de acordo que para organizar eventos para o Foro de acampada galegas ou para a manifestación do 15de outubro se necesitan cartos para pancartas, fotocopias, material… e traslada a idea de conseguilos vendendo chapas e camisetas do movemento.

Outra moza (3) tampouco ve preciso a urxencia dos cartos, mellor buscar todo tipo de colaboracións.

Moza 1 di que tampouco fan falta tantas cousas.

Un mozo de Coordinación expón que podería estar ben falar con empresas que queiran colaborar desinteresadamente.

Moza 3 di que cada membro do movemento pode aportar o pouco que fai falta.

Moza 4 di que ó ser moi poucos os que colaboran que si que necesitamos cartos.

Ante isto, un mozo(2) propón que se pospoña o debate. Mozo 3 non apoia a idea do festival pero si a de vender material do movemento. Coordinación resolve facer un grupo de traballo para afondar no tema do financiamento.

  • Chino moderará a seguinte asemblea.
  • Rogos e preguntas: A modo informativo, dende a comisión de comunicación están a mandar e-mails ós indignados que nun primeiro momento deixaron os seus enderezos electrónicos para consultar se queren colaborar activamente. Ademais engade que levan moito traballo diario, en actualizar o blog e as redes sociais e piden por favor que a xente vaia á praza lendo a información para non perder tempo nas asembleas en volver explicalo.

PROPOSTA: Moza 4 propón traballar nun grupo sobre os recursos naturais de Galicia e a súa defensa e pon de exemplo o acceso a auga, cada vez máis complicado.

Coméntase entre todos que para o bo funcionamento das asembleas é preciso levar o megáfono. Tamén se debate a posibilidade de non facer círculos pechados para facilitarlle a nova xente que se involucre no movemento.

Dous indignados anuncian que se ausentarán da praza durante un mes, quince días.

Un home di que o 15M non está en Ourense para informar do que está pasando, economía, problemas sociais, política… Di que é preciso non diluír enerxías e centrar esforzos en acción concretas.

Unha moza acaba de chegar do extranxeiro e conta que seguía #acampadaourense polas redes e felicita as accións feitas pero insiste na necesidade de non perder o horizonte e ofrécese voluntaria para colaborar no que sexa. Di que as prazas son ágoras nas que se deben expoñer os problemas e buscar solucións.

Un señor  di que é hora de facer algo construtivo e chegar a acordos no conxunto de España.

Remata a asemblea, continúa o debate, non consta en acta.


Os comentários estão desativados.